O BNG erixe os concellos onde goberna en "puntas de lanza para a transformación do país”

A organización frontista reuniu as e os alcaldes, así como unha ampla representación das e dos edís saídos das urnas nas municipais, para marcar unha folla de ruta conxunta centrada no medio rural e na defensa dos sectores produtivos.

XORNADA MUNICIPAL BNG1
photo_camera Imaxe: BNG

O Bloque Nacionalista Galego reuniuse este sábado nunha xornada municipal para definir a folla de ruta dos nacionalistas nos municipios galegos. A organización frontista comprometeuse a facer dos concellos onde goberna “a vangarda na defensa dos sectores produtivos e na transformación do país” -segundo recollen en nota de prensa -con especial atención ao medio rural.

O rural galego sofre un proceso imparable de despoboamento”, sinalou o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, quen avanzou que os gobernos dos nacionalistas serán “un berro en defensa do mundo rural que é, en definitiva, a defensa da continuidade de Galiza como nación”.  Na xornada participaron as e os alcaldes do BNG, así como unha ampla representación das e dos 469 edís que resultaron electos o pasado 24 de maio. 

“Que os produtores leiteiros teñan ao seu carón unhas institucións que os defendan ante o poder omnímodo da industria", dixo Vence como exemplo da folla de ruta.

Vence apuntou que a folla de ruta do Bloque para esta lexislatura municipal ten como obxectivo “pór en marcha unha nova etapa no país” onde os gobernos nacionalistas “sexan a punta de lanza da transformación de Galiza”. Apostou por impulsar o sector primario nos concellos como mellor garantía de futuro para o rural. 

“Que os produtores leiteiros teñan ao seu carón unhas institucións que os defendan ante o poder omnímodo da industria, que defendan ao sector produtivo e que podan esixirlle á Xunta un cambio nas políticas para evitar a morte do rural”, manifestou o voceiro nacional do BNG, en referencia a crítica situación actual de decenas de produtores do país.

Retoman as negociacións co PSdeG

Vence falou tamén sobre o estado das negociacións co PSdeG nas Deputacións após o ‘Martinazo’ en Lugo. Confiou en que os socialistas “resolvan os seus problemas internos e reconduzan a situación para dar ao ente provincial un goberno progresista alternativa ao PP”.

O portavoz do BNG considerou que este cambio se producirá “máis cedo que tarde” e considerou que a decisión de Manuel Martínez é “unha responsabilidade persoal de quen antepón os seus intereses e ambicións fronte ao interese xeral”.

Avanzou que a próxima semana retomarán as negociacións co PSdeG para chegar a un acordo programático nos entes da Coruña e Pontevedra. 

Comentarios