Compostela acolle a presentación oficial da candidatura BNG-ERC-EH Bildu ás Europeas

O acto contará coa presenza da candidata nacionalista galega, Ana Miranda, de Josu Juaristi, por EH-Bildu e de Diana Riba por ERC. A marca xeral barallada é a de Agora Repúblicas, se ben cada formación terá o seu propio perfil nos seus países.

BNG Bildu ERC
photo_camera Imaxe dunha xuntanza de preparación da candidatura conxunta

Santiago de Compostela acollerá na semana que entra a presentación da candidatura conxunta alcanzada entre forzas soberanistas de esquerdas de Galiza. Euskal Herria e Catalunya para presentarse ás eleccións europeas do 26 de maio. Será o primeiro acto oficial desta coalición, pra a que se baralla o nome de Agora Repúblicas, á que despois seguirán outros no País Vasco e en Catalunya. A dirección nacionalista incide en que, “tendo en conta a circunscrición electoral estatal”, esta candidatura conxunta representa “unha garantía real de defensa dos intereses dos galegos e das galegas na Eurocámara”.

O acto formal de presentación terá lugar na capital galega e contará coa presenza de candidata do BNG, Ana Miranda, de Josu Juaristi, por EH-Bildu e de Diana Riba por ERC. Ademais, tamén contará coa intervención da portavoz nacional, Ana Pontón, en nome da forza política que actúa como anfitrioa.

'Agora Repúblicas' perfílase como denominación da marxa xeral se ben cada formación mantén o seu propio perfil nos seus respectivos países 

Esta candidatura -avalada por máis de 90% da militancia do Bloque-, é unha “aposta estratéxica para o nacionalismo galego que vai moito máis aló da conxuntura electoral e recolle como bases políticas a defensa de Galiza como nación, do dereito de pobo galego a decidir libremente o seu futuro e da súa soberanía política, defensa dos intereses do país, da súa capacidade produtiva, de xeración de riqueza e emprego digno na terra”, indica o BNG nun comunicado.

Igualmente, informan, “combate o modelo ultraliberal da Unión Europea e defende os principios democráticos, da paz, dos dereitos humanos e dereitos fundamentais, da igualdade, da xustiza”.

Comentarios