mércores 14/04/21

BNG, ERC, Bildu, Junts, PDeCAT, Compromís e Más País piden a comparecencia do rei e Sánchez no Congreso

Os grupos queren que os xefes de goberno e de Estado dean explicacións polos escándalos da familia real española
Pedro Sánchez con Felipe VI nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
Pedro Sánchez con Felipe VI nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

BNG, ERC,  Bildu, Junts,  PDeCAT, Compromís e Máis País teñen previsto rexistrar esta quinta feira a comparecencia no Congreso do rei Felipe VI e do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, tras as regularizacións fiscais efectuadas polo emérito, Juan Carlos I.

Estas organizacións reclaman a presenza de ambos os dous en sede parlamentar "ante a gravidade do sucedido nas últimas horas, días, meses e anos en relación coa casa real", segundo apunta un apunta un comunicado.

En concreto, avanzan que solicitan as explicacións do Xefe do Estado no Congreso tras a fuxida do seu pai a Emiratos Árabes, onde reside desde o pasado mes de agosto, así como as últimas informacións coñecidas en relación con membros da familia real.

Isto pode incluír as vacinas do coronavirus que se puxeron as infantas Elena e Cristina nunha recente visita ao seu pai ou as dúas regularizacións fiscais efectuadas por Juan Carlos I desde decembro, entre outras cuestións.

Así mesmo, as mencionadas forzas reclaman a presenza de Sánchez o Congreso para que detalle o papel do Goberno ao redor dos "escándalos" que afectan á Monarquía.

Hai poucas esperanzas de que a iniciativa prospere. Non só pola oposición frontal do PSOE, que sumou reiteradamente os seus votos con PP e Vox á mesa do Congreso para rexeitar este tipo de peticións, senón porque os avogados da Cámara española fecharon reiteradamente a porta a calquera iniciativa que implique o control do monarquía, argumentando que o Congreso ten o poder de controlar o Goberno español, mais non a Casa Real.

comentarios