O BNG enfatiza que o Tribunal de Contas fiscalizou e validou a súa contabilidade de 2011

Rápida reacción do BNG ante unha información xornalística que apunta a que Vendex lle fixo un ingreso por valor de 6.000 euros o 19 de maio de 2011.

O BNG reaxiu con prontitude. A formación nacionalista dixo que non lle consta ter recibido ningún ingreso de Vendex. Ao coñecer a información xornalística, o BNG púxose en contacto con NGB para revisar os movimentos da súa conta a aquela altura. NGB comunicou ao BNG que non dá identificado a persoa ou a entidade autoras do depósito. O BNG resalta que, de se averiguar que o diñeiro ten orixe en Vendex, procedería á súa inmediata devolución.

A reacción do Bloque veu da man do seu secretario de Organización do BNG, Bieito Lobeira, quen compareceu en conferencia de imprensa para dar "explicacións públicas" a respeito da hipótese de Vendex ter ingresado 6.000 euros na conta corrente da formación nacionalista.

Total legalidade

Lobeira enfatizou que a contabilidade de 2011 foi fiscalizada e validada polo Tribunal de Contas "ratificando a súa total legalidade nun informe oficial público dese órgao estatal que está a disposición de quen o queira consultar".

O membro da Executiva Nacional do BNG dixo que a organización nacionalista non ten ningunha "constancia" de ter recibido "ningún ingreso nin por parte da empresa Vendex nin por parte de ningunha outra empresa inmersa en ningunha investigación xudicial".

O BNG, explicou Lobeira, dirixiuse a NovaGaliciaBanco -no momento do suposto ingreso, Caixa Galicia- para demandar información sobre os ingresos recibidos na súa conta o 19 de maio de 2011. A entidade comunicou ao BNG que "é incapaz de identificar a persoa ou entidade que efectuou o ingreso" e que non ten "esa información informatizada". Ante o "insistente requerimento do BNG", indica o Bloque, NGB vai abrir unha pesquisa para esclarecer a identidade da persoa ou entidade que realizou o depósito e informou de que agarda ter esclarecido o asunto en 48 horas.

Cómpre termos en conta que o suposto ingreso se tería realizado durante período eleitoral, época en que a formación nacionalista costuma receber doazóns para as súas campañas, "dentro sempre da legalidade e da normalidade", enfatiza Lobeira, quen declarou que a contabilidade de 2011 "si recollía ese ingreso".

O BNG pediu información a NGB sobre os movimentos da súa conta o 19 de maio de 2011. A entidade financeira comunicou ao Bloque que "é incapaz de identificar a persoa ou entidade que efectuou o ingreso"

"Hai que ter en conta que a data corresponde a un momento de campaña en que é habitual que militantes e simpatizantes fagan achegas como maneira de colaborar. Ese ingreso, con ser xa unha cantidade significativa, perfeitamente podía ser o resultado da suma de achegas individuais", dixo Lobeira.

Na hipótese de se estabelecer que o ingreso procedera de forma directa ou indirecta do grupo Vendex, o BNG resalta que "procecería a súa devolución inmediata polas canles que correspondan".

Lobeira xulga que "prácticas corruptas ou de financiamento ilegal non se realizan através de transferencia bancaria, método regulado e fiscalizado, ao tempo que pediu que "as investigacións en curso se leven a cabo até as últimas consecuencias". A posición do BNG perante a corrupción, dixo, é perfeitamente coñecida: "Tolerancia cero coa corrupción", concluíu.

Comentarios