“Somos a única alternativa seria e real”, afirma Ana Pontón

O BNG enche A Quintana medio século despois da recuperación do Día da Patria Galega

Dúas efemérides marcaron este Día da Patria Galega para o BNG. A primeira, o medió século transcorrido desde que un grupo de nacionalistas organizados na UPG penduraron, en 1968, unha faixa na Alameda compostelá: “Viva Galiza ceibe e socialista”. A segunda, os 30 anos da organización xuvenil do Bloque, Galiza Nova. Ambas as dúas balizaron o discurso de Ana Pontón na Praza da Quintana.
 

Ana Pontón. Día da Patria Galega 2018
photo_camera A portavoz nacional do BNG Ana Pontón no Día da Patria 2018. Foto: Carmen Rey.

A lembranza de Bautista Álvarez, histórico nacionalista falecido o pasado setembro e un dos participantes naquela primeira mobilización contemporánea do 25 de xullo, rescatou a memoria da clandestinidade. “Estea onde estea, Bautista está hoxe está dicindo 'Viva Galiza ceibe!”. Co saúdo á “alegre e combativa mocidade de Galiza Nova”, Ana Pontón sinalou “a esperanza, o presente e o futuro”.

O discurso da portavoz nacional do BNG nunha Quintana ateigada —20.000 persoas, segundo a formación, participaron na marcha— xa comezara atravesado da súa propia experiencia. Pontón botou a vista atrás e, en primeira persoa, relatou a primeira vez en que, apenas unha moza de 17 anos, asistiu ao “Día da Patria, Día da Matria”. “Sabía que se lle preguntaba aos meus pais se me deixaban vir, a resposta máis probábel era non. Optei por non preguntar”. E viaxou de Sarria a Compostela. “Ese 25 de xullo foi un día que marcou a miña vida. Entendín que eramos milleiros as persoas unidas polo amor a este país”, dixo.

A continuidade foi unha das ideas forza da intervención da líder nacionalista. Por iso se referiu ao “fío de dignidade” que cosía as persoas presentes na praza do casco vello compostelán. “Hoxe estamos aquí, collidos a ese fío de dignidade, defendendo con alegría que Galiza é unha nación e ten dereito á autodeterminación”, expuxo, “e ninguén vai roubar o dereito a soñar e a facer realidade os nosos soños”.

Ese resultou un dos tramos máis aplaudidos do discurso por unha asistencia, xentes de todas as idades e de todos os recantos do país, que tamén se envorcou en amosar o seu apoio aos presos políticos cataláns. E que reaccionou con especial entusiasmo ás acusacións de Pontón contra unha xustiza “cega, que mira para outro lado ante os desmáns do principal delicuente deste Estado, Juan Carlos I, El Campechano”.  

Non esqueceu o feminismo. Que tivo para Ana Pontón rostros singulares entre as multitudes que saíron á rúa para defenderen as mulleres: os das traballadoras de Bershka “que se enfrontaron ao home máis rico do mundo e venceron. E alí estaba o sindicalismo nacionalista”. A portavoz do Bloque trazou, ademais, un mapa das loitas en que se recoñece e que recibía os aplausos de militantes e simpatizantes: o antimperialismo, aqueles que salvan vidas de migrantes no mar, as persoas que ocuparon o pazo de Meirás.

“Un BNG cada vez máis forte”


A partir deste punto, cos manifestantes que foran chegando á Quintana despois do tradicional percorrido polas rúas da zona nova e da zona vella da capital á procura de sombra, Ana Pontón pasou a explicar por que “o pobo galego necesita un BNG cada vez máis forte”. Fixo pouco veladas críticas ao mundo político das Mareas —“a nosa xente pode deixarse engatusar un tempo polo adornos da madeira contrachapada con falsos acabados de galeguismo ou nacionalismo, pero ao pobo galego non lle gusta o superficial”— e atacou frontalmente Feixóo: “Goberna con desgana, tivo e ten a cabeza en Madrid”. “Somos a única alternativa real, seria e consistente”, reivindicou.

A menos dun ano das eleccións municipais que suporán unha proba de lume para o equipo de dirección que encabeza Ana Pontón, fixo valer o funcionamento dos concellos gobernados polo BNG. E, despois de evocar Celso Emilio Ferreiro “non virá remedio nin esperanza de fóra”, chamou a que o cambio político comece en 2019, nos comicios locais. Para fechar, volveu sobre a propia historia do nacionalismo organizado no BNG e os retos que, no seu ver, enfronta: “Somos as xeracións de hoxe quen debemos darlle un novo impulso ao proxecto de rebeldía e inconformismo que condensa o noso lema 'Viva Galiza ceibe!”.

Galiza Nova: “A construción da República galega”


Antes de Ana Pontón, o Himno Galego e o simbólico xuntarse de dúas promocións de militantes nacionalistas 50 anos polo medio —Lois Diéguez participou no 68; para María Lois era o seu primeiro Día da Patria—, falou o secretario xeral de Galiza Nova. Alberte Fernández inscribiu as mocidades do BNG nunha secuencia de loitas que se iniciou a finais dos 80 contra a mili e pasou polo Nunca Máis, a pelexa contra a LOU, o Non á guerra de Iraq ou o rexeitamento do decreto do plurilingüismo.

“Queremos unha organización viva, dinámica e útil”, afirmou, “para construír un país próspero, con traballo digno e igualdade real. Para iso precisamos soberanía, unha Galiza independente, inciarmos o camiño dunha República galega que rache coa dependencia colonial”.

Delegacións de partidos nacionalistas e de esquerda de todo o mundo enviaron representantes e mensaxes solidarias á Praza da Quintana. Entre os máis calidamente acollidos pola asistencia, o Bloco de Esquerda, o Partido Comunista Português, Esquerra Republicana de Catalunya ou EH Bildu.

Comentarios