O BNG empraza a Noriega a que renuncia a cobrar o salario do Concello de Teo

O portavoz municipal do Bloque considera “insostible desde a ética” manter unha dedicación exclusiva que supón 14.000 euros ao municipio mentres é candidato á alcaldía de Compostela.

Manuel Anxo Fernández Paz, BNG TEO RP

O BNG de Teo considera “insostible” desde o punto de vista ético que o actual rexedor de Teo, Martiño Noriega, se postule como candidato a Santiago e ao tempo siga cobrando un salario de dedicación exclusiva “a costa dos veciños e veciñas de Teo”.

O actual portavoz municipal e candidato de BNG-Asembleas Abertas, Manuel Anxo Fernández Baz, deixa ao criterio de Noriega a decisión de continuar como alcalde malia dar o paso para concorrer como candidato a rexedor noutro Concello, o de Compostela. Iso si, aclarou que : “Eu desde logo, persoalmente, non continuaría como alcalde despois de anunciar que me vou como candidato a outro concello”,.

Mais o que si que considera inadmisible é, afirmou, que o rexedor vaia serguir cobrando un salario de dedicación exclusiva con cargo as arcas municipais que sufragan os veciños e veciñas de Teo. “Asinou un contrato co pobo de Teo que agora incumpre de maneira unilateral e, tanto por ética como por estética, e por respecto á veciñanza Noriega debe renunciar a súa dedicación exclusiva, e non obrigar aos veciños e veciñas a abonar máis de 14.000 euros nos tres meses que restan ata á constitución das novas corporacións”, argumenta Fernández, “porque ese salario servirá para liberar ao alcalde para a súa promoción persoal pero non para a xestión do concello que é para o que se lle paga”.

Neste sentido, o BNG de Teo anunciou que vai solicitar no próximo pleno do Concello a renuncia á dedicación exclusiva para destinar eses recursos a necesidades do municipio, “porque hai moito en que gastar, moitos problemas que atenden e resolver”.


 

Comentarios