BNG empraza a Feijóo a que faga da creación de emprego unha prioridade

Ana Pontón preguntará ao presidente na última sesión de control "onde ficou o seu compromiso coa cidadanía de combater o paro". A portavoz do GP do BNG lamenta o veto do PP ao debate de dúas Iniciativas Lexislaturas Populares (Preescolar na casa e SOS Sanidade Pública) e a investigar a xestión das caixas

Ana Pontón nun pleno do Parlamento
photo_camera Ana Pontón nun pleno do Parlamento

O Bloque Nacionalista Galego aproveitará o último pleno deste período de sesións para pór enriba da mesa unha batería de iniciativas vencellas todas coa actual situación de crise, nomeadamente co paro, e "coa incapacidade do goberno de Feijóo para facerlle fronte".

A voceira nacionalista na Cámara autonómica, Ana Pontón, cualificou de "situación dramática" e de "verdadeira necesidade" a que sofren milleiros de galegos e galegas, "cos que o presidente da Xunta asumira o compromiso de levar a Galiza pola senda da creazón de emprego".

Ana Pontón, na rolda de prensa posterior á Xunta de Portavoces, lembrou que Feijóo non só asinou un contrato “persoal” e “moral” cos cidádáns neste sentido senón que, no seu momento, asegurou que rendiría contas do seu grao de cumprimento, agoirando aprobar con nota ao final da lexislatura.

“Mais a realidade –engadiu a deputada- é que máis ben suspende, porque o comportamento do paro en Galiza é moi negativo, sendo unha das comunidades onde máis emprego se destrúe, sumando xa 276.608 as persoas que non teñen traballo”.

A parlamentar pedirá, por tanto, na sesión de control que Feijóo que asuma a súa responsabilidade na Cámara, responda sobre os incumprimentos de dito contrato e aposte "pola posta en marcha dunha política que xere emprego e apoie a capacidade produtiva" da Galiza.

Unha moción dos nacionalistas reclama a transferencia a Galiza da participación do FROB en Novagalicia Banco

Futuro do sistema financieiro

Para a deputada nacionalista, o futuro do sistema financieiro galego é outra das asignaturas pedentes de Feijóo nesta lexislatura, de aí o debate dunha moción nacionalista reclamando de novo a transferencia a Galiza da participación do FROB en NGB. A iniciativa tamén busca a recuperación íntegra do 100 por cen dos aforros dos afectados pola fraude das preferentes, a devolución das indemnizacións millonarias dos ex directivos das caixas e a investigación da xestión que levou a estas entidades á situación actual.

Neste sentido, Pontón lamentou o veto do PP, máis unha vez, a que o Parlamento acolla un debate sobre a necesidade de crear en Galiza unha comisión de investigación e criticou que o faga con argumentos “cínicos” e “falaces”.

Veto ás ILP SOS Sanidade Pública e Preescolar na casa

Ana Pontón tamén considera que se está  a devaluar o papel do Parlamento, “unha actitude de menosprezo que tamén poidemos comprobar hoxe co veto do PP ao debate de dúas iniciativas lexislativas populares”.

Trátase, explicou a voceira nacionalista, das ILP en defensa de Preescolar na Casa e a da plataforma SOS Sanidade Pública, que contan cun importante apoio cidadán, “mais o PP non quere escoitar o que ten que dicir a xente e prefire menoscabar a democracia”.

Orde do día

Sobre os restantes asuntos da orde do día, Pontón salientou unha proposición non de lei sobre o futuro de Alcoa e dúas iniciativas sobre o sector naval (interpelación e pregunta), pois remata o prazo comprometido por Feijóo para saber se vai haber carga de traballo ou non para Navantia e non se coñece aínda nin a proposta de tax lease remitida a Bruxelas nin os termos do contrato asinado con Pemex.

O futuro do sector eólico, a privatización do servizo de salvamento marítimo, a supresión de prazas de ensino para o próximo curso e a redución de camas nos hospitais no verán son outros dos temas que levarán a pleno os nacionalistas no próximo pleno.

Comentarios