O BNG proclama Ana Miranda candidata ás eleccións europeas

[Actualizada ás 14.50h] O Consello Nacional do BNG decidiu de maneira unánime que Ana Miranda, actual europarlamentar da forza nacionalista, sexa a cabeza de lista do Bloque ás europeas, eleccións ás que concorrerá en coalición con ERC e EH-Bildu.

48356854_10215063627237521_4894473764776968192_n
photo_camera Ana Miranda e Ana Pontón, durante o Consello Nacional

Ana Miranda repetirá como cabeza de lista do BNG ás eleccións europeas. Así o decidiu na mañá do sábado o Consello Nacional do Bloque, que ratificou por unanimidade que concorrerá en coalición con ERC e EH-Bildu. Unha fórmula que xa apoiara a militancia do BNG en asembleas comarcais.

A coalición das forzas soberanistas das tres nacións do Estado representa, en palabras da portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, “o único garante da defensa de Galiza na Eurocámara sen condicionamentos alleos”. Insistiu na necesidade de que Galiza "conte en Europa con voz propia e sen condicionamentos alleos". O acordo, explicou a dirixinte nacionalista, eríxese sobre a defensa de Galiza como nación e no dereito dos pobos a decidiren libremente o seu futuro. Aliás, a coligazón, agregou Pontón, cuestiona o modelo neoliberal da UE, que está “empobrecendo” Galiza.

A portavoz nacional do BNG puxo en valor o traballo de Ana Miranda no Parlamento Europeo, así como a súa “capacidade de traballo, sempre dando a cara en defensa dos intereses de Galiza”. Salientou o labor ao redor da investigación do accidente de Angrois. Logrou, dixo, que “a Axencia Ferroviaria Europea emitise un informe clave para evitar que se fechase en falso o xuízo”. Mais tamén se referiu ao traballo de Miranda en defensa das rías, da pesca, da inclusión de Galiza no corredor atlántico, á posición de Galiza ante a PAC ou á destacada participación na resolución do Parlamento Europeo contra o avance dos fascismos pedindo a ilegalización de Fundación Francisco Franco.

O escano de Ana Miranda, afirma o BNG nun comunicado de imprensa, terá un “marcado carácter social” na senda da denuncia da precariedade laboral, a emigración da mocidade galega, o recorte de servizos públicos, da sanidade  a reforma das pensións e a defensa dos dereitos nacionais de Galiza.

O "Terminator da sanidade"

Na súa intervención, Pontón foi crítica coas políticas de recortes do Partido Popular, "un PP que vai de moderado pero que pacta cunha forza política que quere derrogar a lei contra violencia de xénero”. "Tanto é así que a Feixoo se lle escapou a súa preferencia por pactar antes con VOX que co BNG", engadiu. A portavoz do BNG cualificou a Feixoo de “Terminator” e responsábel do deterioro da sanidade pública e asegurou que a pesar do intento do PP de manipular e ocultar a realidade, seguen producíndose un gran número de denuncias de doentes, persoal médico e sindicatos. "Por iso reclamamos  ao PP que rectifique porque está poñendo en perigo a vida das persoas".

A dirixente nacionalista concluíu a súa alocución facendo un chamamento a non “deixarnos levar pola política do medo que busca que nada cambie” e a frear o avance da ultradereita que pretende levar a adiante máis recortes de dereitos e recentralización.

Junqueras e Riba, o tándem de ERC

DudG-H_XQAEyEF1Esquerra Republicana de Catalunya anunciou no Consello Nacional realizado tamén na mañá do sábado que Dina Riba será a número dous da súa lista. O president do partido, Oriol Junqueras, encarcerado en Lledoners, encabezará a candidatura. Riba compareceu perante os medios para explicar que aceptou ser a número dous porque “hai máis de un ano a miña vida deu un xiro”. Referíase ao encarceramento da súa parella, Raul Romeva. “Hai que ser a voz dos presos”, engadiu a candidata.

Segundo explicou en rolda de imprensa, foi Junqueras quen lle pediu a Riba, a través de Romeva, que concorrese nas listaxes ás eleccións europeas. Riba é licenciada en Pedagoxía e rexenta unha libraría especializada en literatura infantil e xuvenil. Previamente, traballou na Fundación de La Caixa, onde coordinou ciclos de conferencias sobre cinema e literatura. Foi tamén programadora cultural do Fórum das Culturas que decorreu en Barcelona en 2004.

A CUP non concorrerá ás europeas

A militancia da CUP decidiu tamén este sábado que o partido non concorrerá ás eleccións europeas, xa que entende que “o proxecto político da CUP non ten cabida dentro das institucións europeas, máximas representantes do capitalismo, o imperialismo, o racismo institucional e a militarización das sociedades”.

A CUP focalizará o labor político no ámbito municipal “para volver xerar as condicións óptimas para construír un novo momento de ruptura”.

Comentarios