Estas son as liñas estratéxicas do BNG de cara a 2023, un ano marcado polas eleccións municipais

"O BNG continuará defendendo os servizos públicos, especialmente a sanidade", sinala Olalla Rodil.
Olalla Rodil, parlamentaria e viceportavoz do BNG. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Olalla Rodil, parlamentaria e viceportavoz do BNG. (Foto: Nós Diario)

A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, debullou esta segunda feira  as liñas principais que seguirá a formación en 2023, ano marcado polas eleccións municipais, e entre as que destacou a defensa de servizos públicos como a sanidade ou a necesidade de máis autogoberno e máis dereitos sociais para o país.

Rodil insistiu durante unha rolda de prensa ofrecida en Santiago en que o próximo período de sesións "seguirá sendo intenso e estará centrado nas eleccións municipais", que terán lugar no próximo mes de maio. Así, apuntou que o BNG "continuará defendendo os servizos públicos, especialmente a sanidade, aínda que tamén outros como a educación".

Nesta liña, resaltou a necesidade de levar a cabo medidas para o impulso económico da Galiza, que debe ter a ciencia e a innovación "como motor do presente e o futuro". Tamén indicou que se precisa máis autogoberno para poder responder os retos con ferramenta políticas.

Aliás, a viceportavoz nacionalista subliñou a importancia de impulsar unha axenda feminista "para traballar nunha sociedade máis xusta, equitativa e democrática", así como unha axenda xuvenil "que contribúa ao reto demográfico", ao tempo que incidiu no interese dunha "axenda verde" que "proporcione dereitos para o territorio fronte ao cambio climático".

Balance do ano

Por outra parte, Rodil fixo un balance do traballo do BNG na Cámara galega centrado, en boa parte, na crise de prezos, "que aínda continúa", e pola que a formación nacionalista reclamou, entre outras cuestións, a recuperación da Tarxeta Básica ou a creación de novas ferramentas de loita contra a pobreza.

Así mesmo, a parlamentaria subliñou algunhas das medidas propostas como unha tarifa eléctrica galega e denunciou "a deterioración da sanidade pública galega e o colapso da atención primaria".

Deste modo, entre outros temas fixo fincapé en que o partido tratou de "responder o boom eólico depredador do Partido Popular" e insistiu en que a Galiza "é unha potencia eólica, pero hai que facelo [o desenvolvemento das renovábeis] de forma ordenada".

Comentarios