O BNG elabora un proxecto europeo de rexeneración das rías

O plan quere que as rías opten a fondos da Unión Europea.
Néstor Rego, Francisco Jorquera, Ana Pontón e Ana Miranda. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Néstor Rego, Francisco Jorquera, Ana Pontón e Ana Miranda. (Foto: Nós Diario)

O BNG presentou onte unha proposta para que as rías galegas opten á captación de fondos europeos de recuperación. A líder da oposición na Galiza e portavoz do Bloque, Ana Pontón, fixo público desde a Coruña o proxecto Next Generation para a rexeneración produtiva das rías, cun investimento de 1.096 millóns de euros. 

Pontón salientou que se trata “dun proxecto de país que beneficiará a economía real, un sector produtivo estratéxico e de enorme repercusión en termos de emprego e de cohesión social de norte a sur”.

A proposta do BNG ten como obxectivo "a recuperación integral dun ecosistema único, xerador de riqueza e de emprego", e recolle actuacións en tres áreas: rexeneración e recuperación ambiental, investigación científica e dixitalización, comercialización, e transformación do sector produtivo derivado das rías. 

A nacionalista avanzou que levará a proposta á comisión parlamentar de reactivación económica e social para recoller o apoio das outras forzas. 

Trátase, indicou, dun proxecto en consonancia coas políticas definidas pola UE para obter fondos de recuperación. En concreto, encaixa en tres liñas prioritarias para acceder ás axudas: conservación e restauración de ecosistemas e da súa diversidade, preservación do espazo litoral e dos recursos hídricos e transformación e dixitalización da cadea loxística do sistema agroalimentar e pesqueiro.

“O obxectivo é conseguir a recuperación ambiental integral e produtiva das rías para crear riqueza e emprego de calidade no complexo mar-industria. Todo acompañado da investigación científica oportuna e da transformación, dixitalización e comercialización da actividade marisqueira, e desde a colaboración público-privada”, explicou.

Next Generation supón para o Estado 72.000 millóns e o BNG demanda que a Galiza reciba un mínimo de 12.600 millóns, que teña a xestión directa dos fondos e que as axudas cheguen ás pemes e aos sectores máis afectados, e non ás empresas do Ibex-35. 

Comentarios