BNG, EH Bildu e ERC acordan en Bilbo accións conxuntas a prol do dereito a decidir

Após unha xornada de traballo realizada en Bilbo, as tres organizacións políticas fixeron público un comunicado de imprensa conxunto en que, din, afondarán na súa relación e explorarán "vías máis efectivas" de colaboración entre as tres nacións para "facer posíbel que o dereito a decidir" e "a defensa dun novo modelo social estean no corazón do debate europeo". 

xornada de traballo
photo_camera Delegacións de BNG, ERC e EH Bildu en Bilbo

Decorrida en Bilbo, a xuntanza desenvolvida entre representantes do BNG, ERC e EH Bildu concluíu cun comunicado conxunto remitido á imprensa esta terza feira. Nel, as tres organizacións din que teñen afondado nas conversas que manteñen desde hai meses na procura de artellaren unha alianza ampla polo dereito dos pobos a decidiren o seu futuro colectivo e pola transformación do modelo socioeconómico imperante. 

En representación do BNG acudiron a esta xuntanza Rosana Pérez (deputada no Congreso español), Ana Miranda (responsábel da Área de Política Internacional da organización frontista) e o secretario de organización do Bloque, Bieito Lobeira.

"Abanear os alicerces do réxime"

En conversa con Sermos Galiza, Lobeira salientou o ambiente "cordial" e un "alto grao de coincidencia" no que se desenvolveu a xuntanza, de cuxos acordos, dixo, supoñen "unha alternativa necesaria" para "abanear os alicerces do réxime actual". Un réxime tocado polo proceso soberanista aberto en Catalunya mais que atinxe tamén a Euskal Herria e Galiza en tanto que pobos en loita polo seu futuro como nacións soberanas. 

Neste senso, as delegacións do BNG e EH Bildu aproveitaron a ocasión para lles trasladar @s representantes de ERC o seu apoio perante a consulta de independencia e trasladaron o seu "respecto e solidariedade" ás demais formacións políticas e organizacións sociais que se teñen comprometido a pular polo referendo fixado para o vindeiro 9 de novembro de 2014. 

As tres organizacións concluíron afirmando a necesidade de procurar "vías máis efectivas" de colaboración entre as tres organizacións á fin de procuraren o recoñecemento do dereito de autodeterminación das nacións que integran o Estado español.

Cara ás eleccións europeas 

Así, coidan que nos comicios ao Parlamento europeo "é imprescindíbel" visibilizaren que "nen os Països Cataláns, nen Euskal Herria, nen Galiza están soas na súa reivindicación". Así pois, "aspiran" a se amosaren como "nacións de pleno dereito" no concerto europeo e internacional. 

Para tal fin, salientan, "as eleccións Europeas de maio de 2014 ofrecen unha oportunidade para expresar que a cidadanía das nosas nacións queren decidir o seu futuro porque aspiran a cambiar de raíz a actual situación de inxustiza". Neste senso, manterán "canles abertas" entre as tres organizacións, mais tamén, "con outras formacións políticas, ás que convidan a "traballar conxuntamente para facer posíbel que o dereito a decidir e a defensa do novo modelo social estean no corazón do debate europeo". 

Comentarios