BNG, EH-Bildu, CUP, Compromís, UP, PDeCAT e ERC piden crear unha Comisión de Investigación polas "cloacas mediáticas"

Após os audios desvelados entre o ex comisario Villarejos e Antonio García Ferreras.
Congreso dos deputados. (Foto: Congreso)
photo_camera Congreso dos deputados. (Foto: Congreso)

Os grupos parlamentarios no Congreso de Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común, ERC, EH-Bildu, BNG, Compromís, PDeCAT e CUP presentaron na mañá desta quinta feira unha proposta de creación dunha Comisión de Investigación sobre as "cloacas mediáticas".

No seu escrito, as formacións aseguran que está "sobradamente acreditada" a existencia de "estruturas parapoliciais integradas por altos funcionarios membros dos Corpos e Forzas de Seguridade" que levan anos dedicándose a "construír documentos e probas falsas contra determinados partidos e dirixentes políticos" para danar a súa imaxe pública e xudicial.

Os partidos lembran no escrito a Comisión de Investigación no Congreso sobre o uso dos medios e corpos policiais "con fins políticos", decorrida en 2016, cando o popular Jorge Fernández Díaz ocupaba o Ministerio de Interior.

Durante os traballos desta Comisión quedou acreditado "o uso dunha estrutura policial baixo as instrucións do señor Cosidó Gutiérrez, por orde do DAO Eugenio Pino, co coñecemento e consentimento do Ministro" Fernández Díaz.

Audios Villarejo-Ferreras

O escrito tamén fai referencia a varios episodios nos que os medios de comunicación foron empregados para difundir noticias e feitos creados artificialmente por estas estruturas parapoliciais.

As formacións destacan os audios desvelados a pasada semana pola directora de Crónica Libre, Patricia López, entre o ex comisario Villarejo e o director de La Sexta, Antonio García Ferreras, no que o segundo recoñece a difusión de informacións falsas sobre o financiamento de Unidas Podemos.

Con todo isto, os grupos exixen a creación dunha Comisión de Investigación que permita coñecer os "vínculos" entre xornalistas e medios de comunicación que "publican noticias falsas" cos membros das estruturas parapoliciais. Tamén terá por obxectivo "investigar a posíbel existencia de calquera trama mediática destinada á construción de noticias falsas contra determinados partidos e dirixentes políticos".

Aliás, os integrantes da comisión analizarán "as actuacións levadas a cabo por responsábeis políticos e institucionais que puideran fomentar estas prácticas antidemocráticas", así como propor "as medidas oportunas para defender a nosa democracia da grave ameaza que supón a construción e difusión de noticias falsas con fins políticos".

Comentarios