BNG e PSdeG exixen a acta dun deputado do PP que simulou ser despedido para cobrar o paro

O deputado do PP e ex-alcalde de Celanova, Antonio Mouriño, simulou ser despedido para cobrar un mes de paro. A oposición pídelle a Mouriño que demita e entregue a acta como parlamentar mais Alfonso Rueda defende que "respondía a unha razón legal".

photo_camera Antonio Mouriño, deputado do PP por Ourense

Antonio Mouriño saia da Alcaldía de Celanova de maneira voluntaria en setembro de 2012. En outubro, foi eleito deputado pola provincia de Ourense na Cámara galega. Nesa facción de tempo, un mes, o ex-rexedor apuntouse ao paro. Agora, pleitea para cobrar o subsidio de desemprego que o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) lle nega por  simular ser despedido cando renunciara "voluntariamente ao cargo". 

Antonio Mouriño era un dos alcaldes galegos que máis cobraba. Máis de 70 mil euros anuais. 

Unha fraude
Desde o BNG exixen a demisión do deputado ourensán por consideraren "unha fraude" o seu comportamento. Aliás, tildan de "inmoral" e "miserábel" a súa reclamación xudicial. Tereixa Paz, considerou que Mouriño "se burla" de milleiros de galeg@s que non perciben ningún ingreso ao exixir que lle sexa pagado un mes de desemprego, após ter percibido miles de euros como alcalde. 

"no Partido Popular parecen expertos en simular a realidade, sobre todo para cobrar de forma ilexítima cartos públicos” denunciou a parlamentar do BNG. Asemade, exixiu a súa inmediata demisión pois, "o señor Mouriño non foi despedido, deixou voluntariamente o seu cargo". 

"Unha actitude reprobábel"
Para o grupo parlamentar socialista a actitude do ex-alcalde celanovés "é absolutamente reprobábel" polo que exixen que devolva a súa acta de deputado. María Quintas, advertiu ao PP que de non se producir a demisión, presentarán iniciativas parlamentares dirixidas a depurar responsabilidades e garantir, din, "o comportamento ético dos membros da Cámara". 

No entanto, desde o PP, Alfonso Rueda defendeu ao seu compañeiro de filas e considerou que as súas reivindicacións responden "a unha razón legal". Segundo o vice-presidente da Xunta, Antonio Mouriño baseou en argumentos "sólidos" o seu recurso xudicial e, polo tanto, non debe presentar a súa demisión.

Imaxe capa: Xunta

Comentarios