BNG e PSdeG denuncian "o escurantismo" da comisión das caixas e acusan ao PP de "dificultar" o seu traballo

Ambas as dúas formacións denunciaron "a estratexia" do PP "para dificultar que a comisión desenvolva o seu traballo" e acusaron ao presidente da Xunta e o seu partido de artellar este organismo "sobre unha grande mentira"

Comisión parlamentar
photo_camera Comisión parlamentar [Imaxe de arquivo]

O carácter reservado de boa parte da documentación presentada pola Xunta perante a comisión de investigación das caixas está a erguer críticas entre os grupos da oposición. Os portavoces do BNG e PSdeG denunciaron esta segunda feira os atrancos derivados da confidencialidade de 14 dos 34 arquivadores que compoñen o material achegado á Cámara e acusaron ao partido maioritario de "dificultar que a comisión desenvolva acaidamente os traballos para os que foi mandatada", asegurou o voceiro parlamentar do Bloque, Francisco Jorquera. 

O grupo nacionalista criticou con dureza que o Parlamento non habilitase dúas salas para a consulta da documentación á fin de evitar que as restricións impostas nos documentos de carácter reservado se extendan a aqueloutra documentación, a priori, de libre consulta. 

PSdeG exixe a publicación da auditoría realizada por KPMG

Francisco Jorquera denunciou que "a estratexia" do PP procura "dificultar o traballo da comisión" mais tamén, indicou, que este "teña a menor repercusión posíbel" habida conta do "interese xeral" que existe sobre o algunhas das informacións que se tirarán durante o decorrer do traballo parlamentar. Porén, Pedro Puy desmentiu que @s deputad@s non puideran copiar ou consultar toda a documentación presentada "como sempre se fixo".

Desde o PSdeG, Abel Losada asegurou que o seu grupo se atopa "escéptico" a respeito do traballo da comisión e sinalou que "a confidencialidade" de boa parte da información achegada polo executivo galego "é un atranco máis" para dificultar a investigación. Losada, apuntou aliás, que as razóns esgrimidas polos servizos xurídicos da Xunta de Galiza para xustificar o carácter reservado dalgúns dos documentos non se corresponden coa realidade ao se tratar de entidades financeiras "que xa non existen". 

Cumpre lembrar que a Xunta apelou á protección d@s utentes para impedir a publicación dalgúns dos informes elaborados polas distintas auditoras durante a fusión de Caixa Galicia e Caixa Nova, ao tempo que asegurou que por razóns de competencia, outra parte da documentación sería tratada como confidencial. Neste senso, @s socialistas exixiron á Mesa da comisión que faga público o documento achegado pola auditora KPMG. 

Pedro Puy defende que a confidencialidade da documentación "é mellor" que "non poder acceder" a ela

Desde o PP, Pedro Puy defendeu a confidencialidade destas informacións asegurando que "é mellor acceder suxeito a reserva que non poder acceder" como aconteceu cos informes solicitados á Comisión europea, a CNMV e o Banco de España. "É unha boa solución", insistiu Puy. O portavoz popular amosouse comprensivo perante "o malestar" xerado na oposición mais considerou "exhaustiva" a documentación achegada da que dixo non coñecer unha parte importante dos documentos. 

Esta sexta feira, os ex-directivos das caixas comparecerán perante a comisión de investigación. Os documentos arredor das millonarias indemnizacións percibidas após a fusión non poderán ser publicados mais tampouco referenciados na propia sesión. 

Comentarios