O Concello de Vigo retira a Medalla de Ouro ao ex presidente de Novagaliciabanco

O BNG defendeu unha moción que recolle a reclamación das persoas afectadas pola estafa das preferentes e que foi apoiada polo PP. O PSOE abstívose


O ex presidente de Novacaixagalicia, Julio Fernández Gayoso, quedará sen a Medalla de Ouro que o Concello de Vigo lle outorgou en 1997 despois de que o PP apoiase esta segunda feira a moción defendida en pleno polo BNG e que recolle unha reclamación das persoas estafadas no calote das participacións preferentes. O PSOE, que se dixo "contrario a xuízos sumarísimos", abstívose na votación.

Así as cousas, a voceira do BNG, Iolanda Veloso, subliñou que a inciativa é "clara", rexeitando a emenda presentada polo PSOE en que pretendía facer extensíbeis este tipo de medidas "a todos os responsábeis" da situación actual de Novagalicia Banco, tamén @s deputad@s que votaron a favor da fusión das caixas.

Porén, Veloso retrucou que aqueles méritos que hai dezaseis anos fixeron a Gayoso merecedor de tal recoñecemento "reveláronse ruinosos co tempo". Após a súa imputación por parte da Fiscalía anticorrupción, manter a Medalla non ten, a xuízo da formación frontista, "ningún sentido". Colocou tamén riba da mesa a concelleira do BNG o cobro dun plan de pensións millonario cando a entidade recibía xa "inxentes cantidades" de diñeiro público e o libro de contas revelaba perdas.

"Non quero vivir nunha cidade que recoñece méritos a quen estafou traballadores e encheu os petos cunha xubilación millonaria", subliñou Veloso, explicando ao concelleiro do PSOE Carlos Font que a moción recolle unha reclamación de afectad@s polas preferentes e non entra a debater a fusión entre Caixa Galicia e Caixanova. Pola súa banda, o representante do PP, José Manuel Figueroa, considerou que @s ex altos cargos das caixas galegas deberan decidir motu propio devolver unhas indemnizacións que cualificou de "indignas" e aproveitou para reprochar que a comercialización das preferentes "comezou en 2005, cando gobernaba o PSOE".

Cómpre lembrar que o Consello de goberno da Universidade de Vigo aceptou nestes días "iniciar as consultas correspondentes" na liña de lle retirar o título de Doutor honoris causa ao ex-presidente de Caixanova e Novacaixagalicia, Julio Fernández Gayoso. 

Comentarios