BNG e medios en galego coinciden na necesidade de impulsar un espazo comunicacional na lingua do país

Representantes de medios de comunicación en galego e deputad@s nacionalistas mantiveron unha reunión para analizar a problemática pola que atravesa o sector

O portavoz do BNG no Parlamento galego, Francisco Jorquera, e as deputadas do BNG, Montse Prado e Ana Pontón mantiveron esta sexta feira unha reunión con representantes de Tempos Novos, Praza pública, Sermos Galiza, Radiofusión, Novas da Galicia, Galicia Confidencial e Compás da Costa, medios de comunicación en idioma galego.

Os parlamentares do BNG escoitaron as demandas e os plantexamentos dos xornalistas e se comprometeron a trasladar ao Parlamento galego en forma de iniciativas parlamentares a necesidade de que se adopten medidas para impulsar e promover os medios de comunicación en galego, que, desgrazadamente, cada vez son menos. Así, apóstase por demandar á Xunta que garanta a existencia dun espazo de comunicación en galego e a viabilidade dos medios en lingua galega. O BNG pedirá que se contemple un baremo obxectivo para un reparto equitativo máis xusto das axudas.

A Xunta non debería discriminar aos medios en galego

Para o BNG “é importante que se preserve a comunicación na lingua de Galiza” e lamenta que desde a Xunta se estean a dar pasos para atrás neste eido en lugar de avanzos, discriminando e marxinando precisamente aos medios en galego.

"A Xunta subvenciona aqueles que utilizan o castelán na súa comunicación e discrimina das axudas públicas aos medios en galego. É o mundo ao revés”

“Feijoó non cumpre con nada do estabelecido na lexislación vixente, e compre nomear o Estatuto de Autonomía, a Lei de Normalización Lingüística, o Plano Xeral de Normalización da Língua Galega ou a Carta Europea de Línguas Rexionais ou Minorizadas. Todo o contrario, estamos asistindo a un retroceso nunca visto desde as primeiras iniciativas normalizadoras do idioma galego”.

@s parlamentares do BNG advirten que “é un momento pésimo para os medios en xeral, pero sobre todo para os que empregan o galego. A Xunta subvenciona aqueles que utilizan o castelán na súa comunicación e discrimina das axudas públicas aos medios en galego. É o mundo ao revés”.

Recortes nas axudas

Neste sentido, lembraron que a Secretaría Xeral de Medios estabelece cada ano as bases reguladoras coa conseguinte convocatoria para a concesión de axudas económica dirixidas a empresas xornalísticas. Un feito constatábel é a constante reducción das contías destinadas a medios en galego até ficar case “en cifras testemuñais en comparanza coas empresas que utilizan o español nas súas comunicacións”.

Consistiría en cambiar os criterios das axudas para vinculalas a unha finalidade social e estabelecendo criterios transparentes e equitativos na contratación de publicidade institucional.

Comentarios