Galiza Mellor Sen Touradas e BNG fan fronte contra a tortura animal

A organización nacionalista presentará unha Proposición de Lei impulsada por Galiza Mellor sen Touradas que poña fin á tauromaquia no noso país. "Non é cultura, é tortura" denuncian. 

Ana Pontón, Francisco Jorquera e Rubén Pérez
photo_camera Ana Pontón, Francisco Jorquera e Rubén Pérez

En comparecencia de imprensa esta segunda feira, Ana Pontón e o portavoz parlamentar d@s nacionalistas, Francisco Jorquera, presentaron unha proposición de lei que pulará pola modificación da lexislación galega a respecto das tourada.

Acompañad@s por Rubén Pérez, voceiro de Galiza Mellor Sen Touradas, emprazarán ao executivo galego a incluír a prohibición deste "espectáculo" e denunciaron "os subsidios directos e indirectos" que aínda manteñen estas prácticas en concellos como A Coruña ou Sarria. 

Para as organizacións promotoras da modificación lexislativa, a tauromaquia "non ten implantación" na Galiza e mantense nalgúns emprazamentos do noso territorio grazas á subsidiación concedida polos gobernos do Partido Popular.

"Os subsidios son como un respirador artificial para un enfermo", apuntou Rubén Pérez en relación coas axudas concedidas polas administracións malia vulneraren "o marco estabelecido que fixa a obriga de respectar os dereitos dos animais", denunciou a deputada Ana Pontón. 

Exixen unha modificación lexislativa que prohíba por lei esta "práctica cruenta e anacrónica"

Neste senso, desde o BNG exixen que a Lei de protección de animais domésticos e salvaxes vixente no noso país desde 1993 inclúa expresamente a prohibición das touradas e aqueles "espectáculos que inclúan a morte do animal" ou a aplicación "das 'sortes' da pica, as banderillas e o estoque", ao igual que acontece noutros territorios do Estado español e de Europa. 

"Catalunya por lei fixou a prohibición das touradas", sinalou o portavoz nacionalista Francisco Jorquera, ao igual "que Portugal". Así pois, aseguran que na Galiza "por razóns históricas mais tamén polo carácter cruel destes espectáculos" tamén debe fixarse por lei esta prohibición do que consideraron "unha práctica cruenta" mais tamén "anacrónica". 

Desde Galiza Mellor Sen Touradas e o Bloque lanzaron un chamamento a "abrir o debate social e institucional á fin de eliminar" estes espectáculos que "non son cultura, senón tortura".

Comentarios