BNG e Izquierda Plural presentan en Madrid unha reforma do sistema electoral

Propoñen a supresión das circunscricións provinciais para "alcanzar un maior grao de proporcionalidade" e representatividade

BNG e Izquierda Plural presentaron esta segunda feira no Congreso español unha proposición de lei encamiñada a desenvolver unha reforma "a fondo" do sistema electoral vixente. Após 30 anos da súa aprobación, ambos os dous grupos consideraron que é preciso introducir importantes mudanzas que permitan gañar maior "proporcionalidade entre o voto expresado polo corpor electoral e a representación obtida". 

Embora a Mesa do Parlamento aprobase a súa tramitación en sesión plenaria, a Proposición de lei deberá contar co visto e prace do executivo --en mans do Partido Popular-- que se reserva o dereito de adminisión a este tipo de iniciativas que aliás prevé unha reforma constitucional.

A iniciativa propón a supresión das circunscricións provinciais, a elección de senador@s polos Parlamentos autonómicos e a supresión dos limiares mínimos para optar ao reparto de escanos

Supresión das circunscricións provinciais
A reforma proposta por Izquierda Plural e o Bloque prevé a eliminación das actuais circunscricións e a creación dunha outra distribución en función dos territorios. Así, Galiza pasaría a ser unha circunscrición única xunto coas demais Comunidades Autónomas. Aliás, exixen a supresión dos limiares mínimos para acceder ao reparto de escanos de maneira que todas as formacións gocen de representación en función dos apoios recibidos. 

Elección d@s representantes no Senado
A Proposición de lei presentada extende as reformas á Cámara alta. Neste senso, @s promotor@s da proposta defenden a modificación do actual procedemento de elección d@s senadoras e senadores --por elección directa en listaxes abertas e asignación parlamentar-- para que tod@s el@s sexan eleitas polas Cámaras autonómicas respectando criterios de proporcionalidade territorial e de pluralidade política. 

Maior participación cidadá
A lei ten por obxecto "incentivar a participación política" da cidadanía --para alén de adaptar o sistema electoral á "evolución do pluralismo político" que actualmente compón o Parlamento español-- sinalan desde o BNG e Izquierda Plural. Neste senso, as formacións que promoven a reforma exixen a modificación da actual lei de referendos para que se supriman parte das restricións vixentes. 

Exixen que autonomías e localidades poidan convocar referendos populares

Así, demandan que as Comunidades autónomas e as administracións locais poidan convocar consultas populares --actualmente restrinxidas ao Estado. Así mesmo, a PL recolle a necesidade de convocar un referendo previo a calquera modificación constitucional. 

A proposta presentada no Congreso español, vén a completar a presentada polo BNG no Parlamento de Galiza a pasada semana e que prevé a modificación da Lei electoral a prol dun método de distribución dos escanos baseado en fórmulas de proporcionalidade pura. 

Comentarios