BNG e AGE acusan a Rojo de "desviar a atención" e ínstana a cumprir co regulamento

Ambos os dous grupos parlamentares aseguraron a Sermos Galiza que a presidenta da Cámara procura "desviar a atención" coa proposta e ínstana a "cumprir co regulamento", isto é, a garantir o carácter público, aberto, dos plenos do Parlamento.
Pleno da Cámara
photo_camera Pleno da Cámara

Perante a proposta que Pilar Rojo achegará esta terza feira á Mesa do Parlamento, AGE e BNG amosaron, en declaracións a Sermos Galiza, o seu rexeitamento. "Mal empezamos" aseguraba a deputada nacionalista, Tereixa Paz, "se a presidenta quere solucionar o conflito pedíndolle á Fiscalía que investigue". Porén, retruca, "alá ela!".

Pola súa banda, Antón Sánchez, deputado de AGE, amósase precavido á espera do que aconteza após a xuntanza da Mesa Parlamentar. "Teñen que entender que estas situacións reflicten a conflitividade social", asevera ao tempo que lembra á presidenta que "a xente expresa o seu rexeitamento", algo di, "que nós continuaremos apoiando".

Tereixa Paz (BNG): "A presidenta debería responder ao recurso de amparo presentado por deputados do BNG antes de pedir que a Fiscalía investigue"

Nin BNG nin AGE concordan con Rojo en que o acontecido o pasado día 29 fose "un atentado" contra o Parlamento. "Terxiversa a realidade, pois non houbo violencia", apunta Sánchez ao tempo que considera que a presidenta da Cámara procura "pór unha mordaza" á cidadanía e á oposición para que non se exprese perante "unha realidade moi dura e moi inxusta". Aliás, instan á presidenta a "cumprir co regulamento" onde se fixa "o carácter público das sesións plenarias", lembra a nacionalista Tereixa Paz.

"A presidenta debería responder antes ao recurso de amparo presentado por deputados do BNG", asevera Paz quen foi impedida de entrar á Cámara --xunto con outr@s representantes do Bloque pola policía española, "seguindo ordes da propia presidenta", apunta. "Eles si que vulneraron o dereito de inviolabilidade dos deputados", di a nacionalista, quen aínda agarda que Pilar Rojo dea trámite ao recurso presentada polo grupo parlamentar do BNG. "O que procuran con isto é desviar a atención dun PP corrupto", asegura Antón Sánchez, quen ve nas propostas da presidenta unha cortina de fume que redirixa a atención cara á unha suposta violación da institución por parte dos grupos da oposición.

Antón Sánchez (AGE): "O que procuran con isto é desviar a atención dun PP corrupto"

Un réxime de visitas parlamentar

Pilar Rojo anunciou que procurará un acordo cos grupos parlamentares en aras do estabelecemento dun réxime de visitas que regule a entrada da cidadanía á Cámara. Neste senso, BNG e AGE manteñen o posicionamento expresado nos últimos días e aseguran que non aceptarán "filtros previos e arbitrarios" que condicionen a entrada das cidadás e cidadáns ao Parlamento, insiste Tereixa Paz. "Non aceptamos listaxes negras nin vetos previos" acrecenta, de igual maneira que o deputado de AGE defende "o dereito da cidadanía a non ser prexulgada".

A proposta que Rojo elevará á Mesa Parlamentar inclúe a creación dunha listaxe de persoas que após seren expulsadas terán vetada a entrada á Cámara. "Nós non estamos para facer de policías, asevera Antón Sánchez quen reitera "todo o que sexa vulnerar a liberdade dos cidadáns non o aceptaremos".

Comentarios