BNG e AGE exixen unha convocatoria urxente para que Feijóo compareza no Parlamento

Ambos os dous grupos rexistraron esta segunda feira un escrito perante a Deputación permanente da Cámara á fin de que o presidente da Xunta de Galiza compareza en sesión extraordinaria

Desde o Bloque Nacionalista Galego e a Alternativa Galega de Esquerda exixen que o líder do executivo galego compareza en sesión parlamentar para explicar a presunta financiación ilegal do Partido Popular. 

Ao abeiro das informacións publicadas por diversos medios de comunicación, os grupos parlamentares do Bloque e AGE instan ao órgano permanente do Parlamento a convocar unha sesión extraordinaria cun punto único na orde do día.

Segundo as formacións políticas, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo debe dar explicacións a respeito dos supostos pagamentos desenvolvidos por empresas galegas ao PP á fin de financiar a campaña electoral de Mauel Fraga nas eleccións do 2005. 

O PP elude responder

A través do seu secretario xeral e vice-presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o PPdeG elude dar explicacións a respeito das informacións publicadas esta fin de semana. "Os propios aludidos xa o desmentiron", asegurou Rueda nun acto organizado por Forum Europa, "pouco máis teño que dicir", concluiu. Para o vice-presidente do executivo galego a súa formación non ten que responder aos documentos que lle atribúen doazóns opacas durante a campaña electoral de 2005. 

Rueda limitouse a indicar que o 'caso Bárcenas' e a suposta contabilidade B do Partido Popular "está na xustiza" e que agardan esta non demore moito en resolver. 

Comentarios