Política

O BNG do Deza denuncia o estado da AP-53

A formación nacionalista puxo de manifesto o "récord" na suba das peaxes e o mal estado no que se atopa esta infraestrutura de titularidade estatal
O BNG do Deza concentrado na peaxe da autoestrada AP-53 (BNG)
photo_camera O BNG do Deza concentrado na peaxe da autoestrada AP-53 (BNG)

O Bloque Nacionalista Galego de Lalín denunciou un novo "récord" na suba das peaxes na AP-53, a autoestrada que conecta Compostela e Ourense. "Cada ano dicimos que temos a autoestrada máis cara do Estado e, unha vez máis, temos a honrosa posición de batir outro récord", sinalou onte o portavoz nacionalista, Francisco Vilariño. "Os turismos chegan a pagar 6,05 euros polo traxecto entre Lalín e Compostela e os vehículos pesados pagan 12,10 euros", explicou.

Vilariño apuntou que esta autoestrada naceu para "artellar o centro interior do país" e que "con estes prezos é imposíbel que cumpra esa función". Para o BNG é unha "discriminación" á comarca do Deza, que ten unha "profunda relación" con Compostela en termos sanitarios, educativos e empresariais.

O portavoz do BNG en Lalín  manifestou que a AP-53, de titularidade estatal pero financiada tamén pola Xunta, sofre un "abandono absoluto" e cando chove o seu carril dereito fica "practicamente inhabilitado", o que supón un "potencial inequívoco de sinistralidade e inseguridade viaria". "Despois vemos como o tramo de Dozón até Ourense é gratuíto e de titularidade galega", engadiu Vilariño.

Comentarios