O BNG, disposto a falar con Anova se se parte do acordo de non "subordinación" a ningunha forza estatal

A organización frontista amosouse partidaria de manter unha nova xuntanza, mais na que fique superada "a discusión sobre a participación de forzas estatais" pois, din, "o proxecto político nacionalista para Galiza non pode desfigurarse".

O BNG vén de dar resposta ao convite de se reunir outravolta formulado no seu día por Anova. A formación nacionalista mostra a súa disposición a ter ese encontro, coa hipotética conformación dunha coligación galega para Europa como ponto único na orde do día, mais sempre que fique superada "a discusión sobre a participación de forzas estatais" pois, din, do contrario o encontro converteríase en "estéril". 

O BNG coida que apoiar a candidatura impulsada por IU como propón Anova "desfiguraría" o proxecto político nacionalista

Desde o Bloque din concordar "en manter esa reunión para explorar as posibilidades de avanzar nunha candidatura unitaria de forzas nacionalistas de esquerdas" de Galiza que, aliás, se insira nunha "macrocoligación" con "outras forzas nacionalistas de esquerda de Euskadi e Catalunya e, eventualmente, doutros territorios". 

@s nacionalistas deixan claro que non contemplan o escenario de facer parte dunha coligación en que se insiran forzas políticas estatais, e cita expresamente a IU, porque, afirman, "o proxecto político nacionalista para Galiza non pode desfigurarse através da supeditación a ningunha forza de carácter estatal".

O BNG enfatiza que ese criterio, o de non partillar candidatura con forzas de ámbito estatal, compárteno tamén "outras forzas nacionalistas de Euskadi e Catalunya". 

Comentarios