O BNG di que o PP busca ''acabar coas institucións do autogoberno'' recortando deputad@s

O voceiro nacional da formación frontista, Xavier Vence, e o deputado Francisco Jorquera analizaron as consecuencias de recortar escanos no Parlamento. Foi en senllas entrevistas concedidas á Radio Galega e á Cadena Ser.

vence
photo_camera Vence nun acto en Compostela [BNG]


O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, volveu enfatizar este domingo que a redución de 75 a 61 no número de escanos do Parlamento galego que propón o PP minguará a capacidade lexislativa da Cámara. Díxoo nunha entrevista concedida á Radio Galega en que analizou as consecuencias que carrexaría tal medida e deixou claro que a formación frontista está "disposta a negociar todas as fórmulas de aforro posíbeis" agás reducir o número de deputad@s. 

Pola súa banda, voceiro parlamentar d@s nacionalist@s, Francisco Jorquera, fixo o propio nunha conversa diante dos micros da Cadena Ser acrecentou que Feijóo con este recorte "só pretende manter a maioría absoluta que ten perdida na rúa" e recordou que o presidente da Xunta goberna co 55% dos escanos e o 44% dos votos. "Fai trampa porque canto máis reducido sexa o Parlamento maior é a distorsión", en referencia á fórmula D'Hont, empregada para o reparto de escanos. 

61 deputad@s "non permitirían unha actividade lexislativa seria"

Todo isto porque o Bloque considera que detrás da teima do PP en limitar a representación parlamentar ao número mínimo de persoas que contempla o estatuto está a intención de "acabar con todas as institucións do autogoberno". Díxoo Vence, quen criticou o uso "populista e demagóxico" que do argumento do aforro está a facer o partido que ostenta a maioría absoluta na Cámara galega e destacou que un Parlamento con 61 deputad@s "non permitiría unha actividade lexislativa seria". 

O voceiro da formación frontista, que remitiu xa unha carta á voceira e aos voceiros que completan as bancadas da oposición --Yolanda Díaz, Xosé Manuel Beiras e Xosé Luis Méndez Romeu-- confesou que o que agarda da xuntanza que manterán é "a capacidade de todos os grupos de facermos fronte común a esta medida tremendamente negativa que o único aforro que consegue é en calidade da democracia".

Engadiu tamén que o Bloque puxo riba da mesa outras fórmulas que permitirían un aforro moito meirande que o millón de euros ao ano da redución de escanos. Un exemplo: a eliminación das deputacións. Dixo Vence que se superaría así o modelo centralista e que Galiza embolsaría 200 millóns anuais. Aliás, para alén de incidir na necesidade de suprimir as deputacións, Francisco Jorquera colocou outro exemplo: a eliminación da equipa de asesor@s de Feijóo, que permitiría, sinalou, un aforro seis veces maior que a supresión de 14 escanos. 

Eleccións europeas

O outro tema que a Radio Galega e a Cadena Ser abordaron co voceiro nacional e co voceiro parlamentar do Bloque, respectivamente, foi o das eleccións europeas. Ao respeito, sinalou que @s nacionalistas continúan "abertos a unha coligación ampla das forzas nacionalistas da esquerda do País", desexo que tamén manifestou Jorquera, confiando en que Anova "resolva os seus problemas internos" e en que o debate que teñen aberto se decante a favor do traballo conxunto con outras forzas nacionalistas. 

Con todo, Vence quixo matizar que "namentres nós estamos a procurar candidato outros aínda están a pensar cara a onde queren bascular". Neste sentido, sinalou que o Bloque realizará nas vindeiras dúas semanas asembleias comarcais das cales sairán as propostas de candidat@ para liderar a listaxe con que a organización concorrerá aos comicios de maio. Será "conforme a unha coligación con outras forzas nacionalistas para conseguir unha representación forte da Galiza en Europa".

Por derradeiro, e co ollar posto no referendo catalán, dixo Vence que era "un exemplo dun pobo que non agarda por solucións que veñen de fóra" e mostrou o seu convencemento de que cada vez máis galeg@s se mirarán a si propi@s nese espello "e aprenderán".

Comentarios