O BNG di que Feixoo mentiu no Parlamento sobre a ambulancia para o Deza

As nacionalistas critican que o presidente da Xunta prometese unha ambulancia en metade do debate con Ana Pontón sobre a dotación na comarca do Deza, sabendo que será un vehículo non medicalizado, sen persoal e que cubrirá “como apoio” un 70% do servizo, cando a veciñanza leva anos reclamando unha ambulancia medicalizada.
Feixoo, durante a sesión parlamentaria desta cuarta feira.
photo_camera Feixoo, durante a sesión parlamentaria desta cuarta feira.

“En abril, a Xunta, a través do 061 sacou a licitación a renovación do servizo de transporte sanitario urxente por estrada, distribuído en 14 lotes correspondentes a outras tantas áreas sanitarias. No lote nº 12 correspondente a Santiago de Compostela-Lalín incluíanse a contratación de dúas ambulancias non medicalizadas, con sede na Estrada e Lalín. O prego de contratación incluía cláusulas que puntúan ás empresas que aporten melloras técnicas, como os chamados 'vehículos de apoio', un aspecto común a todos os lotes licitados, polo tanto, en ningún caso está pensado para cubrir a carencia da terceira ambulancia que reclaman no Deza”, explica o BNG nun comunicado difundido a última hora desta cuarta feira.

Na súa páxina web, o BNG afirma: “Feixoo mente: a ambulancia do Deza que anunciou no Parlamento é un vehículo de apoio a tempo parcial”. Onte, ademais, familiares do home falecido hai uns días na comarca pola falta de auxilio dunha ambulancia presenciaron a sesión no Parlamento.

O BNG considera que o presidente da Xunta deu “unha explicación falsa” pretendendo “pasar por terceira ambulancia un vehículo de apoio produto dunha mellora da empresa cunha dispoñibilidade, como figura na adxudicación, do 70%”, continúa o comunicado das nacionalistas. E engade que este tipo de vehículos nada teñen a ver cunha ambulancia medicalizada, “moitas veces nin sequera cunha ambulancia convencional”, porque “non dispón de persoal propio e úsanse sobre todo para actividades programadas”.
 

Comentarios