O BNG di que a balanza fiscal de Montoro repite a ''milonga da Galiza subvencionada por Madrid''

@s nacionalistas consideran que os dados ofrecidos polo Ministerio de Facenda (Galiza recibe do Estado 3.000 millóns máis dos que achega) son unha “estafa intelectual”. O estudo económico realizado polo BNG dá un resultado ben diferente: déficit para Galiza de 1.300 millóns, resultante de que achega 7.213 millóns de euros ao Estado e recibe 5.891 millóns.

VENCE ROLDA PRENSA 9 XUÑO 2014

Galiza recibe do Estado español 3.240 millóns de euros máis dos que achega. Así se recolle no informe de balabnzas fiscais que esta mesma semana presentou o Ministerio de Facenda, e que sitúa o noso país, xunto con Canarias e Castela, como o máis beneficiado pola ‘solidariedade’ vía cartos do Estado español. Mais esa cifra é “falsa”, unha “estafa intelectural” para o economista e portavoz nacional do BNG Xavier Vence.

“É unha estafa intelectual que fai ver ao final que estamos vivindo á costa de Madrid. É un insulto á intelixencia”

“É un documento político baixo un disfraz técnico, un puro artificio de contabilidade para servir de propaganda ao centralismo, un instrumento que trata de xustificar a concesión aínda de máis agasallos fiscais a Madrid. Desde o punto de vista técnico, é unha estafa intelectual que fai ver ao final que estamos vivindo á costa de Madrid. É un insulto á intelixencia”, manifestou o portavoz da fronte nacionalista.

Por iso o BNG presentou esta quinta feira o seu propio informe, que da como resultado un déficitpara Galiza de 1.322 millóns de euros en 2011, tendo en conta que aporta 7.213 millóns de euros ao Estado e recibe 5.891 millóns de euros.

Cuestión de método

Que haxa unha diferenza tan grande entre o que di o goberno español e o informe do BNG débese, sinalou Vence, a dúas cuestións: o método de calculo e a imputación tanto da seguridade social contributiva como dos xuros da débeda estatal.

O Estado aposta por usar para calcular as balanzas o método da carga-beneficio, co que “Montoro imputa o que o Estado gasta ou inviste en función de a quen beneficia, sen ter en conta o territorio no que efectivamente se leva a cabo ese gasto/investimento”. Un exemplo é o do Museo do Prado, cuxo gasto se computa por igual a todo o Estado español e non a Madrid, malia ser alí onde está e os seus habitantes os principais beneficiarios. O BNG considera que o criterio que hai que aplicar para o cálculo das balanzas fiscais é o de fluxo monetario, que computa o gasto ou investimento do Estado no territorio no que realmente se executa.

A segunda parte que explican as cifras do Goberno central está na inclusión da Seguridade Social contributiva, un “dislate”, segundo Vence, xa que non é resultado dun gasto do Estado, senón que se sufraga cas achegas d@s traballador@s e das empresas. “En todo caso, só deberían terse en conta as pensións non contributivas, que no caso de Galiza supoñen 87 millóns de euros”.

Que a Xunta dea o paso

Vence insta o presidente da Xunta a pronunciarse sobre os datos difundidos onte polo Goberno central, epregúntoulle como pensa defender os intereses de Galiza “á hora de renegociar o sistema de financiamento autonómico en 2015 se acepta “compracido” o informe de Montoro”.

O portavoz nacional pide a Feijóo que a Xunta elabore as súas propias balanzas e ofrécelle o estudo elaborado polo Bloque, “porque teríamos moitos argumentos para poñer enriba da mesa á hora de pedir un cambio do sistema de financiamento tan prexudicial para o noso país”. “Temos que construír un discurso propio baseado nas cifras reais e non asumir a milonga da Galiza subsidiada por un Madrid sacrificado”, subliñou.  

Comentarios