BNG di asumir "desde xa" o mandato expresado na Quintana o 25X

A organización frontista sinala que comezará un proceso de diálogo coas organizacións políticas e sociais para conformar unha "candidatura nacional de unidade canto antes", sinalou Vence.

Quintana

“Galegos que me escoitades,
galegos que a verme vides
hoxe de aquí non saídes
sen facer as amizades!.
Das nosas debilidades
o diaño non se ha de rir.
Vámonos todos a unir,
matando rencores cegos;
que na unión dos bos galegos
está da patria o porvir!”

Cos versos de Curros Enríquez remataba o manifesto ao que se deu leitura na manifestación unitaria do Día da Patria Galega. Eis a reflexión que se deitou na Praza da Quintana na que foron múltiples os chamamentos a sumar forzas a prol da defensa dos intereses de Galiza.  

"Pensamos que o diálogo debe empezar no día de hoxe entre todos e todas os que queremos que Galiza teña unha gran representación no Congreso"

Após o 25 de xullo, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, asegurou en comparecencia de imprensa esta segunda feira a organización frontista quere "empezar a traballar xa con todas as forzas políticas, con todos os colectivos sociais e cívicos para conformar esa candidatura nacional de unidade canto antes". Neste senso, avanzou que iniciarán unha rolda de contactos e convidou "a todo o mundo a que asuma este mesmo compromiso de diálogo inmediato, sabendo que hai tempo pero non demasiado para facer un traballo de diálogo social amplo". 

"Pensamos que o diálogo debe empezar no día de hoxe entre todos e todas os que queremos que Galiza teña unha gran representación no Congreso", apuntou en referencia a un proceso que din coller "con ilusión". 

No horizonte, unha "candidatura unitaria de amplo espectro que sirva para defender Galiza ante o Estado central e derrotar o PP", acrecentou. Pois, segundo o voceiro nacionalista, iso "é o que espera toda aquela cidadanía que aposta por dar voz soberana a Galiza no Congreso para defender as conquistas sociais, os servizos públicos, os nosos sectores produtivos e unha economía capaz de xerar emprego e dar futuro á xente moza no país". 

Comentarios