O BNG considera que o 25S o nacionalismo deu “un dos pasos máis importantes da última década”

Ana Pontón anuncia unha oposición “firme”, con “ideas e alternativas” e na procura de construír unha “alternativa de futuro” para Galiza.

20160926_174941
photo_camera A Executiva Nacional coa tarta conmemorativa dos 34 anos de vida do BNG

A Executiva Nacional do BNG reuniuse esta segunda feira para valorar os resultados das eleccións do domingo, xuntanza que tivo lugar no día, 26 de setembro, que se facían 34 anos do nacemento do Bloque Nacionalista Galego no Frontón de Riazor. Tarta, velas e un canto de 'Parabéns' no que sobresaíu, como non, a voz de Xosé L. Rivas ´Mini´, cantor, integrante da Executiva e novo deputado do Parlamento de Galiza.

O agradecemento a militancia, simpatizantes e votantes foi o primeiro que quixo expresar Ana Pontón, portavoz nacional, na súa intervención, ao igual que xa fixera no día anterior ao facer a valoración da xornada. “Todo ese entusiasmo foi clave”, dixo Pontón, referíndose a unha campaña que lles permitiu o BNG remontar, “desmontando” as enquisas.

Ábrese tamén unha nova etapa no BNG, dixo, para ter unha organización “inclusiva, plural, onde teñan cabida todos os que queiran un futuro para este país”

No Bloque son conscientes de que a campaña foi fulcral e decantou a abstencionistas ou electores doutras formacións a optar o 25S pola papeleta da fronte. O que se traducíu en que, tras citas coas urnas que se resolvían con baixada tras baixada de apoios, houbo un remonte a respecto das xerais, freando non só a sangría de votos senón recuperándoos. “O 25 de setembro o nacionalismo deu un dos pasos adiante máis importantes da última década”, afirmou Pontón. Tirar de enriba a preocupación e o malfado que amenazaban con aniñar no corpo electoral nacionalista e encetar con ilusión unha nova etapa. Pontón asegurou que os perto de 120.000 votantes do BNG poden ter a “garantía” de que o seu apoio nas urnas “vai ser para construír, desde a humildade, unha alternativa de futuro para Galiza”.

Cara adiante

Recoñeceu que non eran os resultados dos que gostaría o Bloque, pois o desexo era a derrota do PP. Non foi posíbel, indicou Pontón, mais iso non implica desfalecemento ou parálise. “Imos facer unha oposición firme, rigurosa, con ideas e alternativas” e tomando o pulso ao día a día na rúa.

“Imos facer unha oposición firme, rigurosa, con ideas e alternativas” 

Ábre tamén unha nova etapa no BNG, dixo, para ter unha organización “inclusiva, plural, onde teñan cabida todos os que queiran un futuro para este país”. As eleccións do domingo demostraron que “hai un espazo para o nacionalismo” e que ese espazo debe ser alargado e ensanchado “para construír unha alternativa”.

Terceiras eleccións

Preguntada polos xornalistas sobre unhas terceiras eleccións, a portavoz do BNG considera que o escenario actual responde á “irresponsabilidade” que se ive no Estado, cunha dereita a apostar na parálise e unhas esquerda que non é quen de chegar a un acordo que desaloxe o PP. “Se demitisen os líderes das catro forzas estatais quizás se solucionase” o actual bloqueo, apontou.

En todo caso, xa avanzou que de haber terceira convocatoria electoral, o BNG concorrerá na mesa “a por todas”, lamentando que ao longo deste ano Galiza estivese desaparecida no Congreso.

Comentarios