BNG esixe a derrogación inmediata do 'Decretazo Dixital'

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denuncia que a aprobación o pasado mes do coñecido como Decretazo Dixital establece un marco de conculcación de dereitos e liberdades incompatible cun sistema verdadeiramente democrático.
Nestor Rego, deputado do BNG no Congreso.
photo_camera Nestor Rego, deputado do BNG no Congreso.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, ven de solicitar a derrogación do coñecido como Decretazo Dixital, así como da Lei Mordaza, xa que, na súa opinión, estas medidas "establecen un marco de conculcación de dereitos e liberdades incompatible cun sistema verdadeiramente democrático".

O decreto para o que esixe a súa derogación aprobouno o Goberno de España en funcións na Deputación Permanente do día 27 de novembro co apoio do Partido Popular, Cidadáns e a abstención de Unidas Podemos, só uns días antes de que se constituísen as Cortes da XIV Lexislatura.

Como denuncia Rego, o Goberno amparouse para a súa aprobación nunha ficticia situación de urxencia, que é para a que está prevista a utilización dos Decretos-Lei, e evitando así os informes pertinentes e o debate sobre o que se pretende aprobar. 

O pretexto catalán

Esta norma, denuncia, outorga ao Goberno, entre outras facultades, a potestade de intervir e asumir a xestión directa de redes e servizos de comunicacións electrónicas, sen orde xudicial, en determinados supostos excepcionais que poidan afectar a orde público, a seguridade pública e a seguridade nacional, "usando como pretexto os acontecementos que se están producindo en Cataluña, o cal xa supón unha aberración democrática".

"A aprobación desta Real Decreto-Lei vai máis aló, pretendendo ter un efecto preventivo e aleccionador que supón un novo ataque ás liberdades públicas e unha nova criminalización da protesta e calquera tipo de disidencia, establecendo unha forma de censura a vontade do goberno, polo que constitúe unha ameaza contra dereitos fundamentais como son os dereitos á liberdade de expresión, manifestación, á participación política, etc…", advirten desde o BNG.

Comentarios