Pontón denuncia un recorte nas partidas de loita contra os incendios nos Orzamentos 2018

O BNG lamenta que as contas continúen lastradas polos cortes de nove anos de goberno de Núñez Feijóo.

DSC_0094 (1)
photo_camera Pontón

A proposta de Orzamentos para 2018 non convence o BNG, que anunciou que vai presentar unha emenda de devolución dos mesmos. Os motivos: que son unhas contas rotineiras, non apostan na creación de emprego e continúan na liña de lastrar os servizos públicos coas consabidas políticas de recortes.

A portavoz nacional,  Ana Pontón, centrou as críticas do BNG a estes orzamentos nos cortes das partidas en prevención e valorización do rural. “A Xunta non só ignora a vaga de lumes nos orzamentos, senón que mesmo prevé recortes en prevención de incendios, conxela os recursos de colaboración cos concellos e entidades privadas, recorta en 2,8 millóns de euros a partida de posta en valor do medio rural e caen en 1,47 millóns de euros os recursos para emerxencias e protección civil”.

Neste contexto, a portavoz nacionalista urxiu a comparecencia do presidente da Xunta no Parlamento -adiada polo PP até novembro nun pleno aínda por convocar-, ben como a creación dunha comisión de estudo que analice a xestión da vaga de incendios.

Responsabilidades

Pontón considera que deben asumirse responsabilidades políticas na xestión dunha crise que, o propio Feijóo admitiuno, estivo doce horas fóra de control. “Ten que demitir a prepotencia, a mentira e ten que demitir unha política fracasada e pirómana ao servizo de ENCE”, dixo.

Comentarios