BNG denuncia a perda de 2.000 ME en fondos europeos pola "austeridade" da Xunta

A organización frontista demanda unha reorientación dos fondos encamiñada a desenvolver unha estratexia propia para Galiza e advirte que o goberno galego terá que afrontar devolucións do diñeiro recibido por mor de "iniciativas de baixo interese e nulo impacto".

vence
photo_camera vence

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, cifrou esta segunda feira (24 de marzo) en 2.000 millóns de euros os fondos europeos que Galiza perdeu por mor da "austeridade" aplicada pola Xunta. Para exemplificar as consecuencias da xestión destas partidas orzamentarias o líder da organización frontista describiu o caso "máis escandaloso" acontecido co fondo tecnolóxico de cuxo orzamento, 400 millóns de euros, só foi executado "menos do 30 por cento". 

Tres euros perdidos por cada un que non é investido

Esta xestión pública derivou na perda de "tres euros" por "cada euro que deixou de pór" o executivo de Alberto Núñez Feijóo. Unha actitude que para o BNG reflicte "o mal negocio" das políticas de "austeridade" e que mesmo calificou como "auto-trampas" empregadas para cadrar as contas da Xunta ao deixar sen executar algunhas das partidas. 

A devolución de fondos europeos xa foi sinalada polo interventor xeral da Deputación da Coruña, José Manuel Pardellas, quen alertou das "obrigas de reintegro" en subvencións europeas por obras non pertinentes ou que nunca chegaron a funcionar. 

A Xunta de Feijóo deixou sen executar o 60% dos fondos europeos recibidos

Segundo Xavier Vence arredor do 60% dos fondos de cohesión non foron administrados. Así, dos 5.300 millóns previstos só se empregaron 3.300. Esta decisión política deixará Galiza sen 2.000 millóns de euros para o vindeiro período e demostra, segundo o líder do Bloque, "que a política rexional non conseguiu os obxectivos declarados" en boa medida por non se executaren os proxectos mais tamén, considerou polo desenvolvemento de "políticas xenéricas" que "non son suficientes", dixo Vence, para corrixir "as desvantaxes territoriais". 

Neste senso, desde o BNG demandan unha outra estratexia deseñada de acordo coas especificidades do país e non "sometida á estratexia estatal", denunciou en relación coa RIS3 e que aínda se atopa en fase final. 

Comentarios