O BNG pide para Galiza o duplo das axudas que recibe da PAC

Demandan un Plan de Desenvolvemento Rural Propio que atenda as especificidades do país e unha mudanza nos criterios de asignación das axudas das que Galiza percibe tan só o 3,5%. 

galiza

Dos 4.800 millóns de euros que o Estado español recibe en forma de axudas na Política Agraria Común, Galiza é receptora tan só de 168 millóns de euros. Este reparto que atribúe ao país o 3,5% dos fondos, responde aos criterios de asignación fixados polas institucións europeas e o Ministerio de Agricultura e que vinculan a distribución das axudas á dimensión da superficie agraria.

Así, embora o sector lácteo galego represente o 40% da produción total do Estado, Galiza ve reducidos os fondos que percibe por mor dunha estrutura da terra caracterizada por pequenas explotacións que confrontan cos grandes terratenentes doutras zonas como Andalucía. 

Novos criterios baseados na agricultura activa

Neste senso, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, a deputada nacionalista no Parlamento galego, Tereixa Paz, e o presidente da FRUGA, Manuel Dacal, demandaron esta segunda feira (20 de xaneiro) unha mudanza nos criterios de asignación das axudas pois o actual sistema, aseguran, "marxina" o sector agrogandeiro galego. Un sector, lembran, que perdeu durante o último ano 1.500 empregos. 

Exixen que prime a definición de agricultura activa na asignación dos fondos para as dirixir @s agricultor@s e non @s terratenentes

Xavier Vence, reclamou que sexa a definición de "agricultor activo" --aquel que dedica o 50% do seu tempo á actividade agraria que representa a metade, cando menos, dos seus ingresos-- a que fixe a distribución dos fondos europeos en troca da superficie das explotacións na procura, din, dunha "distribución máis equitativa". Asemade, sinalou o líder nacionalista, a organización frontista demanda que "primen as 30 primeiras hectáreas para protexer ás pequenas explotacións fronte aos latifundistas cun  tope máximo de 100.000 euros". Con estas propostas desde a fronte nacionalista aseguran que se facilitaría unha "ampliación de hectáreas para que os sectores do viño e a horta poidan ser beneficiarios das axudas". 

Aliás, Vence emprazou ás institucións españolas a outorgar un "tratamento específico" para o sector lácteo que está a viver unha das "maiores crises" por mor, apuntou, "das políticas erráticas do Partido Popular". 

O "silenzo de Feijóo"
Para o BNG a "marxinación" que vive Galiza na distribución das axudas procedentes da PAC débese en grande medida á "ausencia do Goberno galego" nos procesos de negociación, denunciou a parlamentar Tereixa Paz. Unha actitude, a do Partido popular na Xunta de Galiza que beneficia os intereses dos "lobbies lácteos e dos terratenentes". 

“A Consellería de Medio rural mantén unha postura de submisión total ás propostas do Ministerio de Arias Cañete” nas que os labregos e labregas galegos “saen perdendo”, acrecentou pola Fruga Manuel Dacal. 

Neste senso, exixiron un Plan de Desenvolvemento Rural “baixo unha perspectiva de país” que atenda ás especificidades do sector agrario galego e defenda os intereses d@s traballador@s do campo. 

Comentarios