Sistema de seguranza ferroviario

O BNG denuncia a inauguración de tramos do AVE sen o ERTMS

“Está claro que nada se aprendeu da traxedia do Alvia en Angrois hai só dous anos”. Así reacciona a deputada do BNG no Congreso Rosana Pérez ás inauguracións de determinados tramos do AVE sen dispositivo de seguranza ERTMS.

Tren de Alta Velocidade
photo_camera Tren de Alta Velocidade

O BNG vén de presentar no Congreso unha iniciativa parlamentar dirixida ao Ministerio de Fomento para denunciar a posta en marcha de corredores como o do AVE do Eixo Atlántico ou o de Valladolid-Palencia-León sen o dispositivo de seguranza ERTMS en funcionamento. “Está claro que nada se aprendeu da traxedia do Alvia en Angrois hai só dous anos. Aquela curva maldita tampouco contaba co ERTMS, igual que toda a conexión Ourense-Santiago”, advirte a deputada nacionalista.

Rosana Pérez acusa a Ana Pastor, ministra de Fomento, de estar “cegada pola súa ansia de acumular inauguracións e protagonizar anuncios” e de facer “caso omiso do sucedido nunha das maiores catástrofes ferroviarias da historia do ferrocarril e a primeira da alta velocidade no Estado español”. Así, recrimínalle que “de nada lle servisen as análises nin as voces expertas que sinalaron que as cousas terían sido distintas aquel fatídico 24 de xullo de 2013 de ter estado en marcha o ERTMS”.

A parlamentar do BNG considera “unha irresponsabilidade” inaugurar conexións de alta velocidade “a toda présa e sen contar cos sistemas de seguranza máis avanzados, só porque se aproxima a convocatoria de eleccións xerais”.

Comentarios