BNG denuncia a "hipocrisía" da Xunta coa AP-9, cuxo traspaso ve "clave" nas negociacións de investidura

O parlamentar Luis Bará solicitou a "anulación e renegociación" dos convenios asinados polos gobernos en 2011 e 2013 que "permiten as subidas abusivas das peaxes".

 

FOTO BARÁ AMOSA A INAUGURACIÓN DO PP DA AMPLIACIÓN DE RANDE

O BNG denunciou a "hipocrisía e o cinismo" do Goberno da Xunta sobre a xestión da AP-9 e asegurou que o seu traspaso a Galiza será un dos elementos "clave" nas negociacións que mantén co PSOE de cara á investidura.

Nunha rolda de prensa, o deputado Luís Bará criticou que Núñez Feixoo e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, "escenifiquen unha especie de queixume e denuncia de agravio" perante o goberno central pola xestión desta autoestrada cando, lembrou, o PP é "corresponsábel" da situación.

Así, subliñou que hai unha "responsabilidade compartida dos gobernos de quenda, tanto do PP como do PSOE" da situación na que se atopa a AP-9 e lembrou que o Partido Popular foi o "responsábel" da ampliación da concesión en "25 anos aprobada no 2000, cando gobernaba Aznar". Unha decisión que, segundo apuntou, contou co "beneplácito" do PP na Xunta.

"Agora sufrimos aínda outros agravios comparativos cando vemos que o día 1 de xaneiro van pasar a ser de xestión pública e directa a AP-4, entre Sevilla e Cádiz, e a AP-7, entre Tarragona e Alacante", censurou Luís Bará, que lembrou que isto terá lugar mentres as peaxes da AP-9 volven subir.

"Mentres aquí temos que pagar un novo incremento, varias autoestradas da mesma época van ser gratuítas", insistiu Bará, que considerou que este feito "redunda" na "discriminación" que sofre Galicia.

“Acabar coa estafa”

Fronte a iso, o deputado nacionalista avanzou que a súa formación presentará unha batería de propostas para "acabar con esta estafa e espolio" aos galegos.

Deste xeito, entre outras cuestións, esixiu a "anulación e renegociación" dos convenios asinados polos gobernos en 2011 e 2013 que "permiten as subidas abusivas das peaxes".

Ademais, reclamou un sistema de bonificacións das peaxes similar ao que existe noutras autoestradas, a eliminación da peaxe entre Rande e Vigo, así como un plan de obras de mantemento e mellora da infraestrutura e a aprobación dun protocolo de levantamento de barreiras en caso de retencións.

Comentarios