O BNG exixe a reforma do Código Penal para frear a "estratexia represiva" do PP

A organización frontista denuncia que os gobernos do PP están a empregar "dúas vías" para "criminalizar" e "reprimir" a crecente mobilización social: a "aplicación abusiva do código penal e a imposición masiva de multas e sancións administrativas".

2014 06 11 ProtestaIndultoVigo13.grande
photo_camera [Avantar Vídeos]

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, denunciou esta segunda feira a "estratexia represiva" coa que, para a organización frontista, o goberno do Partido Popular está a responder á crecente vaga de mobilizacións sociais. 

Vence fixo referencia a algúns dos procesos sancionadoras iniciados nos últimos tempos contra traballador@s e activistas sociais. "Segundo as centrais sindicais, hai en marcha procesos xudiciais contra participantes en manifestacións que superan a petición de 100 anos de cadea, en moitos casos con penas superiores aos 3 anos, o que implica ir a prisión", relaou o voceiro do Bloque. 

Aliás, lembrou que moitas plataformas e movementos sociais están a recibir expedientes da subdelegación do goberno español con sancións económicas que oscilan entre 800 e 300 euros. Este é o caso, debullou o portavoz nacional da organización frontista, da persoas estafadas polo calote das preferentes, integrantes da Plataforma Sarriana polo Río, participantes de Stop-Despexos ou mesmo mariñeiros do cerco. 

"Criminalización" das protestas sociais
Segundo Xavier Vence, "o PP aplica unha estratexia de criminalización e represión sistemática da protesta social contra os colectivos, as organizacións sindicais e o conxunto da cidadanía que se mobiliza contra as políticas de recorte que aplican os populares desde o Goberno central e a Xunta", un feito que din, para o que as administracións gobernamentais están a empregar "dúas vías" a "aplicación abusiva do código penal e a imposición masiva de multas e sancións administrativas". 

Vence criticou que o Goberno de Rajoy non indulte 4 traballador@s mais si o garda civil que amais de gravar un abuso sexual, se riu dos feitos

Desde o BNG, exixen a "pór freo" ao que tildan de "estratexia" d@s populares e, para iso, demandan a reforma do Código Penal. No concreto o artigo 315.3 polo que se estabelecen penas de entre "seis meses e tres anos" de prisión a quen "mediante engano ou abuso de situación de necesidade impediren ou limitaren o exercicio á liberdade sindical ou o dereito a folga. 

Indulto e reforma do Código Penal
Este artigo, aprobado antes da Constitución de 1978 e da Lei Sindical, está a supor --segundo @s nacionalistas, "para reprimir aos traballadores e traballadoras máis activos na defensa dos seus dereitos laborais". Ao mesmo tempo, desde o Bloque reclaman a concesión do indulto para Ana, Tamara, Carlos e Serafín. Catro operari@s que están a piques de entrar na cadea acusad@s dun delito "contra os dereitos dos traballadores" durante o decorrer dunha folga. 

En troca, salientou Vence, "o goberno de Rajoy si concede" esta medida de graza "ao garda civil fillo dun concelleiro do PP que gravou unha agresión sexual en vídeo ríndose dos feitos e sen facer nada, que ven de ser indultado".

"A xente non protesta por gusto senón porque sofre abusos"

Neste senso, desde o BNG demandan a "retirada das multas a todos os colectivos sancionados" polo que din son as "súas lexítimas protestas". 
"A xente non protesta por gusto senón porque sofre abusos, porque lle rouban os aforros bancos desalmados, para defenderse de empresarios piratas ou para loitar contra as políticas de recortes dun goberno que lonxe de amparalos os deixa abandonados", subliñou en comparecencia de imprensa, Xavier Vence quen reclamou un cambio de rumo nas políticas e avanzou que a formación nacionalista tomará parte na mobilización convocada para o vindeiro 30 de xuño polas centrais sindicais CIG, CC.OO e UXT. 

Comentarios