xoves 01/10/20
O presidente da Xunta remitiu misivas aos outros seis alcaldes das grandes cidades

O BNG acusa Feixoo de "desprezo" a Ourense por non enviar unha carta a Jácome

A Xunta comunicou hoxe que Núñez Feixoo escribira á Federación Galega de Municipios (Fegamp) e ás e aos rexedores das grandes cidades, agás ao de Ourense onde PP e DO romperon o pacto de goberno esta semana. Ante esta situación, os nacionalistas consideran que se cometeu "unha falta de respecto" á veciñanza.
ourense, bng
Representantes do grupo municipal nacionalista de Ourense. (Foto: BNG)

Representantes do grupo municipal do BNG no Concello de Ourense amosaron este sábado a súa sorpresa ante "o desprezo e falta de respecto do presidente da Xunta aos veciños". O partido amósase "moi indignado" pola decisión de Alberto Núñez Feixoo de enviar cartas ofrecendo a súa colaboración á Fegamp e ás e aos alcaldes de seis das sete grandes cidades do país.

Após que esta semana o PP local anunciara a "suspensión temporal" do acordo de goberno con Democracia Ourensá e, posteriormente, votara no pleno a favor da dimisión de Gonzalo Pérez Jácome á fronte do Consistorio,a acción de Feixoo non parece casual.

Porén, o feito de non incluir a Ourense nas súas misivas "resulta moi curioso" porque se está a renegar "do alcalde da terceira cidade do país".

Os nacionalistas consideran que, con esta actuación, Feixoo "fáltalle o respecto a algo máis de 105.000 galegos".

Posturas contrapostas

En todo caso, o BNG de Ourense recoñeceu que este tipo de políticas non son novas no presidente da Xunta pois, entenden, fixo algo semellante, "investindo a Jácome semanas despois de advertir publicamente de que sería letal para Ourense telo como alcalde".

En calquera caso, ante "este feito gravísimo" exixe ao Executivo da nazón "unha inmediata rectificación" que, con todo, "non cambiará a realidade que se acaba de constatar unha vez máis":

"Para o BNG queda claro de novo que ao PPdeG nin lle preocupa Ourense nin os ourensáns, unicamente miran cara a esta cidade en base aos seus intereses de partido".

comentarios