O BNG acusa a Xunta de "chantaxe" e "ameazas" á alcaldesa de Tomiño pola súa oposición a unha lei

O deputado nacionalista Luís Bará denuncia que a rexedora de Tomiño, Sandra González (BNG), recibiu -supostamente- unha misiva en ton "chantaxista e macarra" da conselleira Ethel Vázquez pola súa disconformidade coa norma para a xestión do ciclo da auga.
O deputado nacionalista Luís Bará no Parlamento. (Foto: Europa Press)
photo_camera O deputado nacionalista Luís Bará no Parlamento. (Foto: Europa Press)

O BNG vén de denunciar o suposto envío dunha carta "chantaxista e macarra" por parte da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade Ethel Vázquez á alcaldesa de Tomiño, Sandra González, por rexeitar o anteproxecto de lei para a xestión do ciclo da auga.

O portavoz de Infraestruturas e Medio Ambiente do Bloque, Luís Bará, afirmou que a súa compañeira de partido, a rexedora de Tomiño, recibiu unha misiva "con ameazas veladas" pola súa oposición á norma que quere sacar adiante a Xunta.

Desde o punto de vista de Bará, é "intolerábel que a conselleira responda dese modo ás críticas da alcaldesa, ameazando con traspasar ao Concello a xestión dunha depuradora construída e xestionada pola Xunta desde o seu inicio".

Ao fío desta acusación, o deputado afirmou que preguntará no Parlamento se a titular autonómica de Infraestruturas e  Mobilidade enviou cartas "como esta" a outros concellos en situación semellante, ou "se a advertencia é só para quen ousa criticar ao Goberno galego".

En calquera caso, o Bloque dixo "non se vai a deixar amedrentar" pola conselleira nin aceptará "unha lei do silencio, con ameazas veladas a representantes públicas que ousan criticala".

Nese sentido, o representante subliñou que seguirán adiante coas súas críticas ao anteproxecto de lei, que se está elaborando cunha "finalidade recadatoria" e que "vai supoñer a multiplicación por tres dos impostos" que gravan a auga, ademais de obrigar aos municipios para facer investimentos que comprometen a súa estabilidade financeira.

Finalmente, incidiu en que a actual situación do abastecemento, saneamento e depuración é, sobre todo, "responsabilidade da Xunta, que non fixo os seus deberes durante 20 anos e agora pretende pasarlle a pataca quente a concellos e deputacións".

Comentarios