Denuncian que o 15% dos fondos destinados a Povisa rematan na "conta de beneficios" da empresa

O BNG criticou a política sanitaria do PP que, din, "engorda a privada" en detrimento da calidade asistencial da pública.

BNG
photo_camera [Imaxe BNG]

O portavoz nacional do BNG participou esta segunda feira (16 de marzo) nun acto simbólico organizado en Vigo. Baixo o lema 'tensiónate en defensa da sanidade pública' a organización frontista denunciou o trasvase de fondos públicos para "engordar" a sanidade privada.

Acompoñado polo candidato á alcaldia do BNG-Asembleas Abertas, Serafín Otero, o Bloque exemplificou a política sanitaria do Partido Popular con Povisa, un hospital, criticaron, que destina o "15% dos 75 millóns de euros que recibe" anualmente da Xunta "directamente á súa conta de beneficios". 

Vence e Otero tomáronse a tensión nun hospital de campaña situado na rúa Príncipe e anunciaron que presentarán unha moción no Concello de Vigo en apoio @s profesionais de Povisa despedidos pola dirección do centro hospitalario. Neste senso, lembraron que "en seis anos de Goberno do PP desapareceron 3.000 postos de traballo da sanidade pública". 

Contra a exclusión social, axudas municipais

Desde o BNG aseguraron que "ese non é o modelo" pois "a totalidade dos recursos públicos deben destinarse a mellorar a calidade asistencial da cidadanía" tamén, insistiron, "desde os concellos". Neste senso, Serafín Otero --candidato á alcaldía de Vigo-- sinalou que no programa electoral incorporarán a creación dun Consello Municipal de Saúde, como canle institucional de participación dos e das profesionais da sanidade e dos colectivos cidadáns, tanto na toma de decisións como na participación de programas de promoción e educación para a saúde. 

Asemade, propuxo unha liña de axudas municipal para cofinanciar os medicamentos de doentes crónicos que están en situación de exclusión social, "non pode quedar nin unha soa persoa na cidade sen medicación por falta de recursos para pagalos", resaltou Otero. 

Denuncia na Fiscalía

Por outra parte, o comité de Povisa anunciou que denunciará na Fiscalía e no Xulgado as presións da dirección do hospital vigués ás folguistas de fame  Un dos celadores despedidos sumouse esta mañá á protesta, que hoxe cumpre a sétimo xornada, xusto un día despois de facerse efectiva a rescisión dos contratos.

Comentarios