BNG demanda un “acordo de país” para facer fronte ás consecuencias da pandemia

Pontón empraza Feixoo a “desconxelar o diálogo” e incide en que a crise do coronavirus ten consecuencias económicas e sociais.

Ana Pontón na rolda de prensa desta segunda feira (BNG).
photo_camera Ana Pontón (BNG).

A portavoz nacional, Ana Pontón, insistiu nun “acordo de país” consensuado no Parlamento entre Goberno, forzas políticas, axentes sociais e todos os sectores capaces de achegar propostas para a recuperación económica e social de Galiza porque, “ao lado da repercusión sanitarias da pandemia, hai outras consecuencias de extrema gravidade no ámbito económico e laboral que baten de cheo na vida das persoas”.

“Precisamos un potente plan económico para acompañar á desescalada porque non podemos pasar dunha crise sanitaria a outras situacións que tamén se escriben con P de pandemia como precariedade, paro e pobreza”, alertou Pontón. E para iso, a líder nacionalista reclamou ao xefe do Executivo que teña “alturas de miras”.

A nacionalista responsabilizou o presidente da Xunta de ter “conxelado o diálogo en Galiza e non temos ningunha información sobre súa proposta proposta para a desescalada porque estamos ante un presidente da Xunta que non quere responsabilizarse do futuro do país senón que prefire quedarse na crítica e iso é un problema”.

O BNG anuncia que traballa nun programa de reactivación económica a través da comisión de expertos creada hai un mes, programa en base a cinco principios: sector público reforzado e potente que actúe como motor de creación de emprego e de garantía de xustiza social, - “non podemos volver caer no erro de rescatar á banca”-; impulsar o tecido produtivo; aposta estratéxica pola ciencia de base, pola investigación e polo coñecemento; fortalecer os servizos públicos, -superar o modelo que mercantiliza os coidados-, e estratexia contra o cambio climático.

En relación á desescalada, o Bloque considera clave que debe estar adaptada á realidade galega e que debe ser segura.

Eleccións

A preguntas dos medios ante unha posíbel data electoral, Pontón insistiu en que para o Bloque á prioridade é garantir a saúde das persoas, condición que debe estar por riba da cita coas urnas. “Non é sensato no medio dunha pandemia falar dunha data electoral, o BNG considera que deben celebrarse cando sexa posible garantir a saúde e a vida das galegas e dos galegos”, indicou, ao tempo que criticou a posición de Feixóo.

Comentarios