O BNG defenderá no Congreso “o status de Galiza como altamente dependente da pesca”

O sector pesqueiro é, para o BNG, un exemplo “do talento, empuxe e innovación” de Galiza, “capaz de facer grandes cousas cando nos deixan”. Así o expuxo a súa portavoz nacional, Ana Pontón, nun acto electoral no porto de Celeiro esta cuarta feira.
 

FOTO PONTON E FERREIRO PESCADA CELEIRO 1
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón (segunda pola esquerda) coa candidata por Lugo Maite Ferreiro (terceira pola esquerda) e a deputada no Hórreo Olalla Rodil (segunda pola dereita), na lonxa de Celeiro. Foto: BNG.

Pontón avanzou ademais que a súa organización defenderá no Congreso, de obter representación, “o status de Galiza como unha zona altamente dependete de pesca ante a Unión Europea. Iso permitirá obter máis fondos e máis cota de pesca”. A maneira de conseguilo, que a formación nacionalista “sexa decisiva na política do Estado despois do 28A”.

“Os deputados e deputadas do Bloque van dar a cara polos intereses do sector á hora de negociar orzamentos, investimentos e cotas de pesca fronte a un PP e un PSOE que xa demostraron desde o Goberno como traizoan os intereses dun sector estratéxico para este país”, asegurou a líder nacionalista, que, acompañada da candidata ás Cortes por Lugo Maite Ferreiro, adquiriu varios compromisos na materia.

Por caso, que os escanos do Bloque “sirvan para que Galiza teña unha boa posición á hora de negociar o reparto de capturas na Unión Europea”. Porque o Estado español, sinalou Pontón, “non ve na pesca unha prioridade ante Bruxelas”. “Hai que facer unha xestión sostíbnel dos recursos, pero iso non pode significar que se destrúan postos de traballo”, anotou.

Maite Ferreiro loou o “potencial innovador” desenvolvido en Celeiro (Viveiro), que compaxina “calidade e respecto ambienta”. Os portos de Celeiro e Burela, os principais da Mariña, xeran uns 5.500 empregos na bisbarra.

Comentarios