O BNG impulsa unha proposición de lei para facilitar a maternidade na carreira científica

Pontón defende a proposición de lei Ángeles Alvariño como unha forma de que non haxa que elixir entre continuar coa carreira científica e ser nai. O obxectivo final é “acabar coa discriminación” nos procesos selectivos que penalizan as baixas por ter crianzas.

Comparecencia de Ana Pontón. (Foto: BNG)
photo_camera Comparecencia de Ana Pontón. (Foto: BNG)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a portavoz parlamentaria en materia de Ciencia, Olalla Rodil, deron a coñecer a proposición de lei que o principal grupo da oposición vai presentar no Parlamento para loitar porque desaparezan as discriminacións por motivos de xénero na ciencia e, sobre todo, por non querer escoller entre a maternidade e a carreira profesional.

Segundo o Bloque, as mulleres empregadas na ciencia e na investigación teñen problemas cos “accesos ás convocatorias e axudas”, pois os parámetros de selección “penalizan as baixas por maternidade”.

De feito, a directora da Unidade de Nanooncoloxía do Instituto de Investigacións Sanitarias de Compostela, María de la Fuente, revelaba hai uns días a Nós Diario que “a maternidade, na investigación, é perder competitividade”.

Hoxe o BNG estimou nun 50% o número de científicas que abandonan a súa carreira, polo menos a tempo completo, após ter unha crianza.

"A desigualdade é unha dura realidade coa que convivimos as mulleres en todo o planeta, pero hoxe queremos centrarnos na discriminación nun ámbito moi concreto e poñer o foco nun aspecto igual de concreto: a discriminación que obriga ás mulleres a ter que elixir entre ser nais ou ser científicas", comentou a portavoz.

Esta situación viuse demostrada, por exemplo, nas convocatorias dos últimos anos da Xunta, como pode ser ao respecto das axudas posdoutorais. O ano pasado até tres profesionais denunciaron a situación ante a Valedora do Pobo, pois a avaliación do seu rendemento non é tan boa como debería por gozar dos permisos de maternidade aos que teñen dereito.

Avanzar na igualdade

Pontón e Rodil lamentaron que na Galiza apenas o 27% das universitarias elixan carreiras científicas ou técnicas, e que só dúas de cada dez cátedras no Servizo Universitario Galego (SUG) están ocupadas por mulleres. "Por iso temos que avanzar na corresponsabilidade e suprimir as barreiras que impiden competir en condicións de equidade ás mulleres. E ese é o obxectivo desta proposta de lei", aclarou a líder nacionalista.

O texto lexislativo recolle medidas para garantir a igualdade de xénero no acceso ás convocatorias de investigación nas universidades, organismos de investigación e entidades do sistema de I+D+i galego, "igualdade que a día de hoxe a Xunta non garante".

Sobre o nome elixido, Rodil concretou que elixiuse Lei Ángeles Alvariño “en homenaxe a esta galega pioneira da oceanografía na década dos 70 nos EEUU e referente na loita contra a discriminación das mulleres na ciencia que coñecía moi ben porque a sufriu en primeira persoa".

Comentarios