O BNG defende o concerto económico para Galiza como “única opción de autonomía real”

A portavoz nacional do Bloque asegura que esta fórmula aportaría preto de 3.500 millóns de euros  adicionais que permitirían blindar os servizos públicos. “Galiza non lle debe nada ao Estado, é o Estado quen ten unha débeda con nós”, apunta Ana Pontón.

concerto bng
photo_camera Xornada de traballo sobre o concerto económico (Foto: BNG)

O BNG celebrou este sábado unha xornada de traballo centrada no futuro sistema de financiamento autonómico onde defendeu novamente o concerto económico para Galiza como “única opción de autonomía real” e como “única opción para avanzar”. A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, chamou o resto de forzas políticas a apostar por unha alternativa que garanta “unha convivencia entre iguais nun Estado plurinacional”.

Segundo os cálculos dos nacionalistas, o concerto económico aportaría preto 3.500 millóns de euros adicionais ás arcas públicas galegas que permitirían blindar os servizos públicos e sociais. “Porque nós dá o control total dos nosos cartos, porque nos permite aplicar unha fiscalidade xusta e, por suposto, porque Galiza é unha nación, confiamos na capacidade deste país, non compramos a falsa idea de que vivimos da solidariedade do Estado”, defendeu Pontón, que engadiu que “Galiza non lle debe nada ao Estado, é o Estado quen ten unha débeda con nós”. 

Así, no último exercicio liquidado, o relativo o ano 2014, Galiza aportou vía impostos 11.131 millóns de euros, mentres que recibiu do Estado co actual modelo de financiamento un total de 7.034 millóns de euros. Tomando como exemplo o concerto económico de Euskadi, o saldo positivo para Galiza sería de 3.458 millóns de euros. Uns ingresos que, segundo Pontón, rematarían cos recortes e evitarían o excesivo endebedamento que “este ano vaise levar vinte de cada cen euros dos orzamentos”.

“Só desde unha mentalidade colonial se pode dicir que Galiza sae perdendo co concerto económico”.

Para a fronte nacionalista, estes datos demostran que “só desde unha mentalidade colonial se pode dicir que Galiza sae perdendo co concerto económico”. Un sistema que permitiría unha “verdadeira autonomía financeira” e, polo tanto, “un verdadeiro autogoberno” para promover o desenvolvemento económico, social e cultural do país. 

A xornada de traballo buscaba definir as liñas principais en materia de financiamento porque “a diferenza do señor Feijóo non precisamos que ningún grupo de expertos nos diga desde Madrid que modelo de financiamento precisamos, somos capaces de facer unha alternativa desde e para Galiza”.

Un modelo baseado nun reparto xusto da carga fiscal que, segundo o BNG, debería partir do principio de que pague máis quen máis ten ou de medidas como que as empresas que producen en Galiza estean obrigadas a tributar no país. 

Unha demanda, a do concerto económico, que recordan está “na tradición do pensamento económico nacionalista”, desde Alfredo Brañas, as Irmandades da Fala e o Partido Galeguista. “É a alternativa para as nacións que teñen vontade política de selo e para unha convivencia entre iguais nun Estado plurinacional”, sinalou nese sentido a portavoz nacional do Bloque. 

Comentarios