BNG de Silleda: “Expulsarnos do goberno é unha decisión absolutista que prexudica directamente @s veciñ@s”

A alcaldesa socialista de Silleda rachou unilateralmente o pacto de goberno co BNG ao deixar sen competencias ao concelleiro do BNG. Para os nacionalistas, a alcaldesa quixo facer do BNG un apéndice do PSOE
Matías Rodríguez, concelleiro do BNG
photo_camera Matías Rodríguez, concelleiro do BNG

A rexedora de Silleda, do PSdeG, deu esta semana por roto o pacto de goberno que desde xuño de 2011 mantiña co BNG. Parla Fernández retirou todas as competencias a Matías Rodríguez da Torre, edil nacionalista, acusándoo de deslealdade. A alcaldesa mesmo se dirixiu o BNG para dicirlle que estaba disposta a manter o pacto coa fronte nacionalista se relevaban a Rodríguez. O PSdeG (6 edís) gobernará en minoría. O PP conta con 6 concelleiros e o BNG, un.

Se ben, como recoñece o propio Rodríguez da Torre, houbera “discrepancias e friccións” durante estes meses de goberno de pacto, “optamos por reconducilas e superalas, pois nós tiñamos claro que o importante era gobernar para os veciños”. Mais, finalmente, o pacto rompeu. “O detonante foi o convenio con Fomento do vial de enlace en Lamela”, apunta o edil nacionalista. Unha actuación necesaria e longamente demandada, “niso estamos todos de acordo”. O BNG fíxose eco da demanda d@s veciñ@s de Lamela, que querían saber en que lles prexudicaría esa actuación. Non se atendeu a reivindicación veciñal e o BNG voto en contra do convenio.

De vítima a verdugo

Para a fronte nacionalista de Silleda, a expulsión do seu concelleiro é “unha decisión absolutista e intolerante que prexudica directamente @s veciñ@s de Silleda”. 

Para o BNG, desde o PSOE “prefiren un goberno inestábel e débil, en minoría, por ser incapaces de asumir que o BNG é unha forza política capaz de gobernar e resolver os problemas da xente, dándolles participación na vida municipal”. “O BNG foi expulsado, desaloxado do goberno por quen pasou de vítima e se converteu en verdugo”.

Rodríguez compromete na nova etapa que se abre unha oposición “sensata” mais “implacábel” e “cos intereses dos veciños como centro. A fin de contas, son eles os que nos puxeron aquí”.

Comentarios