O BNG dá por concluída a súa crise financeira

O BNG dá por superada a crise financeira que atravesou a organización política nos últimos anos e prevé acabar de pagar a débeda en 2022.
Ana Pontón, duranre a reunión do Consello Nacional.
photo_camera Ana Pontón, durante unha reunión do Consello Nacional.

Nun comunicado enviado aos medios de comunicación, o BNG informa de que o seu Consello Nacional aprobou o orzamento da organización para o ano 2021, e avaliou a evolución da débeda.

Na nota de prensa, a formación nacionalista dá "por definitivamente superada a crise financeira que padeceu o BNG nos últimos anos".

Agradecemento á militancia

Engade que "boa parte da actividade política e social do BNG fundaméntase no traballo militante" e explica que "sen o compromiso militante" a actuación da forza liderada por Ana Pontón "sería imposíbel".

A evolución da débeda, expón o Bloque, sitúase nos 64.330 euros, "prevéndose a súa eliminación definitiva no vindeiro ano 2022".

A organización nacionalista recoñece o "inmenso mérito colectivo" da militancia "que foi quen, colectivamente, de enfrontar unha difícil situación económica, nun contexto político tamén delicado, con coraxe, determinación e moito esforzo".

Excluíndo as subvencións que recibe o BNG do Parlamento e do Congreso, a metade dos ingresos da formación nacionalista proceden das achegas da súa militancia. Sen esa contribución a través das cotas, non sería posíbel corrixir a débeda que en 2012 alcanzou os 4,04 millóns de euros. 

Comentarios