O BNG cualifica de "decepcionante" o informe da Xunta sobre competencias locais por non abordar o financiamento

Os nacionalistas aseveraron que os Concellos "xa soportan un gran déficit público por asumir servizos que lle corresponden á Administración galega".
O deputado do BNG no Parlamento galego, Iago Tabarés (Foto: Nós Diario).
photo_camera O deputado do BNG no Parlamento galego, Iago Tabarés (Foto: Nós Diario).

O BNG definiu como "decepcionante" o informe da Xunta da Galiza sobre a delimitación de competencias entre a Administración galega e as municipais, "sen que existise ningún tipo de interlocución cos Concellos". Así, criticou que "tampouco aborda o financiamiento das entidades locais".

Segundo trasladou o Bloque Nacionalista Galego nun comunicado, ao acto de presentación do informe, que tivo lugar esta terza feira en Santiago, acudiron o portavoz de política institucional, Iago Tabarés, e os alcaldes de San Sadurniño (Secundino García), Zas (Manuel Muíño) e Ponteareas (Cristina Fernández Davila).

Tabarés indicou que espera a coñecer a proposta de maneira completa, cando se publique o informe, pero que "obvia os compromisos adquiridos pola Xunta e incumpre o Pacto local do ano 2006".

Así mesmo, o nacionalista indicou que a Xunta "non priorizou os servizos básicos e o seu mantemento en concellos", que "xa soportan un gran déficit público por asumir servizos que lle corresponden á Administración galega".

Nesta liña, destacou que, tras o debate e aprobación dos orzamentos do Goberno galego para 2023, o Partido Popular "continuará na senda de non apostar polo reequilibrio territorial e a igualdade das persoas".

O informe da Xunta

A Xunta presentou esta terza feira un estudo, levado a cabo en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), que pretende pór sobre a mesa as bases para dar solución aos casos nos que non está clara a delimitación das competencias entre as entidades locais e autonómicas.

Este informe teórico, realizado polo grupo de investigación da universidade 'Empresa e Administración', sitúa aos ámbitos do medio ambiente, servizos sociais, sanidade, educación e servizos de protección como os máis problemáticos.

Comentarios