BNG critica a Negreira por non exixir responsabilidades a Fadesa no caso do edificio de Fenosa

O grupo municipal nacionalista denuncia a actitude do goberno coruñés e pide que a empresa se responsabilice do derrubo pois, din, "era perfectamente coñecedora da ilegalidade". 

Após a sentenza do Tribunal Supremo que obriga a derrubar o Edificio Fenosa, da Coruña, desde o BNG critican con dureza a actitude do goberno de Carlos Negreira, cuxa xestión do caso obrigará o concello a asumir o custe do derrubo malia "non existir responsabilidade patrimonial municipal", afirman @s nacionalistas. 

E é que o informe pericial solicitado desde María Pita certificou que "era posíbel executar materialmente a sentenza de demolición do edificio, o contrario do que se pretendía [que era xustamente mostrar, como defende o BNG, que do ponto de vista xurídico si se podía argumentar a imposibilidade do derrubamento]", subliñan.

Un custo de 45 millóns de euros

O operativo necesario para materializar a demolición do edificio custará uns 45 millóns de euros, un colosal gasto para o erario público que significa case o 25 por cento do orzamento municipal.

Desde o grupo municipal do BNG lémbranlle ao alcalde Carlos Negreira que "xa lle advertiran ao goberno local que non estaba a formular correctamente este incidente en senllos escritos" con data de outubro de 2012. Finalmente, foi o Supremo o que determinou que o derrubamento é factíbel e que debe ser executado. 

Porén, desde o Bloque denuncian que desde a equipa de goberno municipal non se lle teña pedido responsabilidades a Fadesa quen, din, "era perfectamente coñecedora da ilegalidade do proxectado", isto é, unha rehabilitación integral dun edificio fóra de ordenación. Para alén de que a obra non se axustara ás licenzas outorgadas. 

Comentarios