O BNG critica a "inacción política inaceptábel" de Xunta e Goberno español na cuestión do veto á pesca de fondo

PP e PSdeG cargaron contra os nacionalistas e defenderon a actuación dos Executivos de Alfonso Rueda e Pedro Sánchez respectivamente.
Barco pesqueiro (Foto: Cepesca).
photo_camera Até 200 barcos de capital galego veríanse afectados de forma directa polo veto, segundo os cálculos da Xunta da Galiza (Foto: Cepesca).

A deputada do BNG no Parlamento galego Rosana Pérez defendeu esta terza feira no Parlamento galego unha proposición non de lei para exixir á Xunta que presente o seu propio recurso contra o veto á pesca de fondo imposto pola Comisión Europea, así como ao Goberno español e a Bruxelas que adopten medidas compensatorias para os mariñeiros afectados pola prohibición.

Durante a súa intervención, a deputada nacionalista cargou tanto contra a Xunta como contra o Goberno estatal pola súa “inacción política inaceptábel" cando se cumpre case un mes desde que se coñeceu a prohibición e máis dunha semana desde a súa entrada en vigor.

En todo este período, dixo, "o Ministerio de Pesca segue sen dixerir a presentación do recurso" que se comprometeu a desenvolver contra esta decisión, mentres que a Xunta "xa renunciou a presentalo, tras prometer ao sector que esgotaría todas as vías legais".

Da mesma maneira, apuntou, "non vai haber Consello Galego de Pesca" para analizar a cuestión, "nin hai petición de moratoria", dixo Pérez, que criticou que as medidas "se limiten a manifestar coa boca pequena o seu desacordo".

Para a deputada, "é hora de que a Xunta convoque o Consello Galego de Pesca" e "presente un recurso xudicial" contra a decisión "independentemente do que faga o Estado español". "É necesario que o Goberno galego lidere esta loita contra unha decisión absolutamente arbitraria", engadiu.

O PP pide coherencia

A deputada do PP Teresa Egerique acusou o BNG de "xogar ao descoido", á vez que lle reclamou "coherencia". "Coherencia sería romper definitivamente cos verdes en Europa, que co seu medioambientalismo radical 'non nos entenden, non'", declarou Egerique.

Neste sentido, afeou ao BNG que a súa eurodeputada, Ana Miranda, estea incluída neste grupo e que só ela votase en contra da medida, sen ser capaz de "convencer" ningún dos Verdes, que "son os que se están cargando a frota galega".

Egerique tamén criticou a actitude da Comisión Europea, que "tiña a decisión tomada de antemán" e "actuou de mala fe" e instou o Goberno español a presentar o recurso contra a norma. En canto á posición dos populares, dixo que o compromiso da Xunta "está máis que demostrado" e que a orientación do seu grupo está "máis que clara".

O PSdeG carga tamén contra o BNG

A deputada socialista Patricia Otero criticou que o BNG suxira "que o Goberno estatal está a manipular o sector" e garantiu que o ministro Luis Planas "estivo desde o primeiro momento á súa beira". "Non nos cansaremos de dicir que o PSdeG estivo en contra desta decisión desde o primeiro momento", destacou.

Ante esta "decisión inxusta", lembrou Otero, o Executivo de Pedro Sánchez xa avanzou que presentará un recurso, aínda que xustificou a súa tardanza argumentando que a súa "fundamentación técnica é moi complexa". "É necesario que se faga este recurso da mellor maneira posíbel para que este barco chegue a bo porto", dixo a deputada socialista.

Comentarios