O BNG critica o "espolio enerxético" e pide que a produción de enerxía reverta na Galiza

Néstor Rego reclamou nas Pontes o estabelecemento dunha tarifa eléctrica para Galiza que permita reducir nun 30% o custo da subministración.
O deputado do BNG Néstor Rego no encoro da Ribera, nas Pontes.
photo_camera O deputado do BNG Néstor Rego no encoro da Ribera, nas Pontes.

O deputado de BNG no Congreso, Néstor Rego, criticou que o "espolio enerxético" realizado por empresas que aproveitan os recursos naturais da Galiza para se enriqueceren "non reverta" no desenvolvemento social e económico do territorio.

Tras participar este domingo nunha acción reivindicativa no encoro de Ribeira, nas Pontes, pertencente a Endesa, a canda o parlamentario Ramón Fernández e a responsábel local de Galiza Nova Carmela Franco, Rego apostou por un sector enerxético público e galego para que a produción de enerxía se sitúe ao servizo da comunidade.

Nesta liña, sinalou que a presa de Ribeira representa un exemplo do "espolio enerxético" ao que se someteu a Galiza "a partir de decisións tomadas a centos de quilómetros de distancia que converteron o país nunha potencia en produción de enerxía eléctrica pola que tivo que pagar gravosos custos tanto sociais como ambientais".

Rego censurou que as empresas exploten recursos da propios do territorio e que "unha vez esgotan o negocio, deixan tirados aos traballadores", como ocorre con Endesa ante o feche da central das Pontes, sinalou.

Macroproxectos eólicos

Ademais, o deputado lembrou que Galiza se atopa "ás portas dunha nova fase de espolio enerxético" dados os macroproxectos eólicos que se pretenden instalar por parte de grandes empresas españolas ou multinacionais que "levan para fóra os lucros e mesmo pagan os seus impostos en Madrid".

Neste sentido, afirmou que carece sentido instalar novos parque eólicos "afectando a zonas naturais sensíbeis ou terras agrarias" dado que a comunidade "xa produce máis enerxía de fontes renovábeis da que consome".

Novo modelo

Ante esta situación, o Bloque avoga por cambiar o modelo de produción enerxética a partir da nacionalización do sector e a creación dun grupo público que a xestione. Deste xeito, Néstor Rego propuxo que se inicie esta actividade coa recuperación das concesións hidráulicas que caduquen para o seu aproveitamento por entidades creadas polas institucións públicas galegas e a favor do desenvolvemento da comunidade.

Tarifa eléctrica galega

Así mesmo, Rego reivindicou a importancia da creación dunha tarifa eléctrica galega que permita abaratar o custo da subministración polo menos nun 30% para empresas e particulares e, así, favorecer que Galiza se beneficie "desa condición de país produtor excedentario de enerxía". De feito, asegurou que esta medida permitiría reducir o custo de produción para as empresas, o que redundaría nunha mellora da súa competitividade e a xeración de emprego.

Comentarios