O BNG continúa a perfilar as súas candidaturas para as municipais: Lores repite en Pontevedra

Miguel Anxo Fernández Lores será o candidato nacionalista en Pontevedra; Rubén Arroxo deberá ser escollido pola asemblea local do BNG de Lugo.
Miguel Anxo Fernández Lores e Rubén Arroxo. (Fotos: Nós Diario)
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores e Rubén Arroxo. (Fotos: Nós Diario)

A oito meses de que decorran as eleccións municipais na Galiza, o BNG segue a perfilar as súas candidaturas, coa mirada posta nas sete cidades galegas. No día de hoxe, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, informaron das súas respectivas candidaturas á Alcaldía destas cidades.

Lores, que xa confirmara a mediados de xuño a súa intención de presentarse novamente a Alcaldía de Pontevedra en 2023, anunciou que “a asemblea local do BNG de Pontevedra decidiu apoiar a miña candidatura á alcalde da cidade de Pontevedra de novo”.

O alcalde pontevedrés, durante 23 anos ininterrumpidamente no seu cargo, afirmou que “é hora de seguir amosando esa paixón que teño por Pontevedra e que sei que é compartida pola inmensa maioría da veciñanza desta cidade, unha cidade que entre todos e todas convertemos en referente mundial”.

“Ao longo dos vindeiros meses continuarei este traballo colectivo co que o BNG e a veciñanza de Pontevedra lograron crear un proxecto de cidade único, do que podemos estar orgullosos e no que debemos seguir crendo, afondando e mellorando”, engadiu.

Candidato do BNG de Lugo

Pola súa parte, Rubén Arroxo, que ademais de tenente de alcalde de Lugo é portavoz municipal do BNG na cidade, rexistrou esta quinta feira a súa candidatura para encabezar a lista de cara ás eleccións municipais do 2023.

Arroxo explicou que "o BNG é unha organización democrática, e todas as cuestións importantes, como a cabeza de lista de cara a unhas eleccións municipais, escóllense entre toda a militancia".

O Consello Local do BNG de Lugo abriu esta semana o procedemento para que calquera militante poida “presentar a súa candidatura”, explicou o responsábel local, Felipe Rivas, para despois detallar que "a asemblea local reunirase a vindeira segunda feira, día, 26 e escollerá á cabeza de lista de cara ás eleccións de 2023".

Rubén Arroxo presentou a súa candidatura "para unhas eleccións nas que o BNG vai optar a todo", e engadiu que a formación nacionalista ten “optimismo, ilusión e ganas de seguir levando adiante un cambio profundo en Lugo".

Comentarios