mércores 28/10/20

O BNG considera que a Galiza debe recibir "como mínimo" 12.600 millóns do fondo Covid

Ana Pontón advirte de que o financiamento da UE "non pode ser acaparado" polas empresas do IBEX 35: "Hai que rescatar a economía produtiva".

EuropaPress_3378783_ana_ponton_interviene_interparlamentaria_bng_celebrada_teo
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, intervén en Teo este sábado (BNG)

O BNG estima que a Galiza debería recibir "como mínimo" 12.600 millóns do fondo Covid para a reactivación da economía, o que supón 9% do total que xestionará o Estado español e que, para a formación frontista, deben servir para apoiar o tecido produtivo do país e "non poden ser acaparados" polas empresas do IBEX 35.

Así se pronunciou a súa portavoz nacional, Ana Pontón, durante a intervención na comisión interparlamentaria do Bloque, que reuniu nun hotel de Teo (Santiago) os seus representantes no Parlamento galego, no Congreso español, nas deputacións e concellos e en Bruxelas para abordar a postura da formación de cara ao reparto e destino dos fondos europeos para a reactivación económica tras a pandemia.

Pontón sinalou que o Bloque "ten moi claro" que este fondo "non é a panacea nin a solución a todos os problemas" mais, remarcou, pelexarán nas institucións por que a aplicación desta axuda non estea vinculada á aplicación de recortes e que a Galiza "reciba até o último euro que lle corresponda".

Coa mentalidade de que "cada euro conta" nunha reactivación económica e social que "depende" dos recursos públicos, a formación nacionalista considera que o fondo débese utilizar para "superar" as consecuencias desta crise a través dunha aposta por "facilitar a transición ecolóxica" cara a unha "economía verde baseada no coñecemento" que estea asentada "na xustiza social e territorial".

"Temos a obriga de acertar nos criterios de reparto e nas prioridades de investimento para sacar o maior partido ao investimento", incidiu Pontón, que puxo o acento en que a Galiza debe contar "con voz propia" no debate dos fondos Covid, xa que a "centralización" da súa xestión "abre a porta" a que o país sexa "discriminado".

Neste sentido, cualificou de "preocupante" que non se coñeza de forma pública "que vai defender" a Xunta "nin cal vai ser a contía mínima que vai exixir ao Estado" e que para o BNG debería situarse nos 12.600 millóns de euros. Unha cantidade que debería ser xestionada de forma "íntegra" pola administración autonómica.

As empresas do IBEX

Así as cousas, Ana Pontón advertiu da "falta de transparencia" por parte do Goberno galego que, ao seu xuízo, pretende beneficiar as "empresas do IBEX 35". "A pregunta do millón é: Quen deseña os proxectos? A Xunta ou consultoras privadas?", preguntouse a portavoz nacional do Bloque, que censurou a "opacidade" coa que, di, está a actuar o Executivo que preside Alberto Núñez Feixoo.

Por isto, o BNG solicita que os proxectos seleccionados para recibir fondos Covid sexan analizados na comisión de reactivación constituída no Parlamento da Galiza "para ver se son idóneos, se son o que necesita o país e saber a quen vai beneficiar".

Todo iso para, en palabras de Pontón, para evitar que "volvan ser as grandes empresas as beneficiadas nunha nova crise como sucedeu na de 2008, cando se rescataron bancos".

"Agora queren subvencionar as empresas do IBEX 35 no canto de apoiar ás pemes, os autónomos e os traballadores", subliñou antes de sinalar que nesta crise é necesario "rescatar a economía produtiva e real" ademais de "tomar nota" do "aprendido coa Covid" e que, segundo Pontón, revelou que "hai que cambiar de paradigma".

Decálogo

"Hai que avanzar cara a unha Galiza sustentábel no económico e no social", resumiu a líder da formación nacionalista, que elaborou un decálogo que marca "os eixos" sobre os que deberían virar os proxectos a desenvolver na Galiza co fondo Covid.

Deste modo, o BNG pon de relevo que se debe apostar polos sectores produtivos; polo reforzo da sanidade e os servizos públicos para que cheguen a todo o territorio; pola creación de emprego; pola loita contra a deslocalización; por potenciar políticas sociais e unha mobilidade sustentábel; pola modernización das infraestruturas; pola transición ecolóxica; e, para rematar, por reverter a crise demográfica que atravesa o país.

comentarios