O BNG conmemora a “vixencia” da revolución galega de 1846 “ante un PP que nos lamina”

O portavoz nacionalista, Xavier Vence, participou nun acto diante da estatua aos mártires de Carral na que defendeu a actualidade do levantamento de Solís e Faraldo no que se combateu que Galiza fose tratada “como unha colonia da Corte”. Pola súa parte, en Sarria Ana Miranda acusou a Cañete de “defender aos grandes rentistas”.

Carral-dentro
photo_camera Acto do BNG en Carral.

O recordo da levantamento de 1846 é xa unha data icónica para o nacionalismo galego, que desde hai un tempo decidiu lembrala todos os anos. Así, este sábado o BNG organizou un acto en Carral, diante da estatua en homenaxe aos Mártires de Carral, os fusilados en castigo por participar naquela revolta na que participaron os galeguistas da época e que, segundo as súas propias palabras, confrontaba a consideración de Galiza como “unha colonia da Corte”.

 

No acto, ao que acudiron decenas de persoas, interviron Alba Castaneda, de Galiza Nova, Vitoria Louro, do BNG local, e o portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, que defendeu a vixencia daquela revolución. “A loita dos mártires de Carral sigue a valer ante un PP que lamina o autogoberno de Galiza”, dixo. “168 anos despois, o BNG segue a ver a necesidade de manter esa mesma loita de Galiza contra o centralismo para defender as nosas competencias, o noso autogoberno e camiñar cara unha maior soberanía que nos permita ter as ferramentas necesarias para defendernos nos mesmos, aos nosos sectores produtivos, para crear emprego e frear a sangría da emigración”, salientou.

Neste sentido, o dirixente nacionalista denuncia "o brutal proceso de recentralización levada a cabo o PP, que está facendo que os nosos recursos, que os nosos impostos e os nosos sectores produtivos se poñan a disposición dos lobbies políticos e financeiros madrileños”.

Ana Miranda

O BNG convocou para este domingo, ás 12.00 no Auditorio de Galiza en Compostela, un encontro electoral aberto de cara ás europeas que se espera multitudinario. A candidata nacionalista, Ana Miranda, esixiu este sábado da Unión Europea un “fondo de compensación lácteo” para as explotacións galegas, “que se endebedaron para mercar cota láctea e agora van ver como ese esforzo non serviu para nada cando o vindeiro ano se eliminen as cotas lácteas na Unión Europea”.

 

A ex-eurodeputada estivo este sábado en Sarria, onde celebrou un acto público e visitou unha explotación leiteira, afirmou que “o candidato do PP, Arias Cañete e tamén o Partido Socialista defenderon na reforma da Política Agraria Común en Bruxelas aos terratenentes do Estado español”. “Defenderon aos grandes rentistas, como a Duquesa de Alba, a raíña de Inglaterra ou a propia familia de Arias Cañete, pero non aos pequenos produtores do noso país. Ás labregas e labregos galegos só os defendeu o BNG”, dixo.

Comentarios